Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

As persoas supercontaxiadoras, 'a forza motriz da pandemia' con independencia das variantes do virus da COVID-19

Segundo os autores, os supercontaxiadores actúan de maneira independente á variante do virus, trátase dun fenómeno universal e que estivo movendo a pandemia de forma permanente.

Os profesores da USC chegaron a esta conclusión tras analizar máis de 1,4 millóns de secuencias do virus de acceso público producidas por miles de laboratorios de xenética e microbioloxía en todo o mundo. O grupo de Salas e Martinón comezou a traballar nesta liña nos comezos da pandemia e dende entón foi achegando evidencias sobre a dinámica do virus e a COVID-19 que foron publicadas en revistas internacionais como as que agora acaban de ver a luz en Trends in Genetics. Xa en marzo de 2020, estes investigadores propuxeron que os supercontaxiadores eran os grandes motores da pandemia. Dende entón, xurdiron numerosos estudos doutros grupos de investigación que defenden a mesma hipótese.

Comportamento social

Ademais, este novo traballo introduce dúbidas sobre a maneira na que se mide a capacidade infecciosa do virus. Salas indica que “existen evidencias razoables que nos permiten concluír que variantes de risco tan populares como alpha e delta [tecnicamente B1.1.7 e B1.617.2] dificilmente poderían ter o éxito poboacional que tiveron se non fosen catapultadas polo efecto catalizador dos eventos de supercontaxio”. Este feito, continúa Salas, é importante por dous motivos principais: “por unha banda, significaría que o cálculo da capacidade infecciosa das variantes do virus podería estar sobreestimada; e, pola outra, porque trasladaría a carga da responsabilidade da pandemia ao comportamento social, e non tanto ás variantes do virus”. A favor desta hipótese apunta a observación de que todas as vagas importantes nos distintos países do mundo xurdiron despois de momentos de gran relaxación das restricións e confinamentos, tales como épocas festivas, vacacións de verán, grandes eventos deportivos, ou manifestacións de diversa índole. Todas elas, subliñan os investigadores, víronse atenuadas cando se recuperaron as medidas restritivas.

O artigo defende ademais que os eventos de supercontaxio necesitan da intervención de persoas supercontaxiadoras, porque este modo de transmisión deixa unha pegada nos xenomas dos virus que non se podería explicar sen a súa intervención. Este aspecto é importante porque apuntaría a que non é só o ambiente o que determina o éxito dun supercontaxio, senón tamén a facilidade que teñen algunhas persoas de transmitir o virus a outras. A este respecto, Martinón indica que “os nenos non parece que sexan os supercontaxiadores”. “Hai uns meses xurdiu algunha publicación que suxería algúns factores de risco que poderían favorecer que unha persoa fose supercontaxiadora, entre os que se atopa a idade e a obesidade, pero é difícil identificar a priori ao supercontaxiador”, matiza. “Como non podemos intervir selectivamente sobre os supercontaxiadores, é necesario realizar medidas xerais”, conclúe.

Variantes dende o principio

Os autores tamén reflexionan sobre a taxa de cambio do xenoma do virus. Salas afirma que “existiron moitas variantes preocupantes dende o inicio da pandemia” e non só na actualidade. De feito, mentres moitos especialistas “se acollían ao discurso de que o SARS-CoV-2 mutaba moi pouco, nós informabamos de que o coronavirus tiña unha capacidade de cambio lixeiramente inferior pero comparable con outros virus RNA (como o da gripe e o VIH) cando se ponderaba polo tamaño dos seus xenomas”, continúa o profesor da USC. Salas engade que soamente a finais do pasado decembro o discurso das variantes empezou a tomar forma nos medios, “malia que a importancia dunha variante é sempre relativa e, no algoritmo da pandemia, o contexto social no que xorde é fundamental”. Tal e como afirma o profesor da Facultade de Medicina, “se unha variante emerxe nun momento de restricións, probablemente non chegue a ter éxito”.

O traballo cuestiona as interpretacións e mensaxes catastrofistas que frecuentemente acompañan a aparición destas mutacións. “A miúdo as interpretacións son excesivamente prematuras e crean unha alarma social innecesaria baseada nunha boa dose de incerteza, en datos insuficientes e especulacións científicas aínda inmaturas”, di Salas. Os autores defenden que moitas desas mutacións potencialmente perigosas xurdiron moito antes da aparición dos gromos polos que se fixeron famosos, pero que no seu momento non causaron ningún dano ou nalgúns casos foi un dano autolimitado e anecdótico, consistente en gromos que non chegaron a ter unha maior repercusión. Por iso é polo que o novo estudo defende que esas variantes por si soas non terían éxito epidemiolóxico de non ser catalizadas polo comportamento social. Segundo Salas, “por poñer un exemplo, o que unha variante do virus teña moitas mutacións non-sinónimas na proteína que codifica para o famoso xene da espícula, non ten porque atribuírlle unha maior capacidade de infección; existen nas bases de datos actuais moitos xenomas do virus con moitas máis mutacións que as variantes alpha e delta e con características aparentemente similares, e que non demostraron ser epidemioloxicamente relevantes”.

Os autores indican que algúns especialistas puideron confundir distintas maneiras para medir a taxa de cambio do xenoma dun patóxeno: en ocasións, mídese por unidade de tempo e noutras por ciclo de replicación do virus. Con todo, para interpretar o impacto epidemiolóxico, a primeira, a taxa de cambio no tempo, “é a que ilumina o panorama epidemiolóxico porque é a que permite valorar as variantes que circularán na poboación ao longo do tempo”, engade Salas. Porén, os autores advirten de que o virus ten unha capacidade de cambio importante e que, aínda que para eles o aspecto social ten xogado un rol fundamental na súa dispersión, é posible que o peso da pandemia no futuro recaia máis no patóxeno; sobre todo, se xorden variantes que escapen en maior ou menor medida para o efecto protector das vacinas. Con todo, Martinón indica “que mesmo na presenza de novas variantes capaces de evadir a resposta previa ao virus ou á vacina, é pouco probable que volvamos ao momento inicial, xa que o noso organismo aprendeu xa moitas cousas do virus”.

Equipo de traballo

Ademais de Salas e Martinón, os membros do grupo que formaron parte deste proxecto son Alberto Gómez Carballa, biólogo e xenetista; Xabier Bello Paderne, programador informático; e Jacobo Pardo Seco, matemático. Esta liña de investigación, financiada tanto con fondos europeos como galegos a través da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) e da Axencia Galega de Innovación (GAIN), sitúa ao grupo galego na vangarda da investigación desta patoloxía. “A investigación competitiva non se improvisa” indican os profesores da USC e investigadores do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) no que toma parte a USC. “Puidemos ir máis rápido grazas á utilización das liñas de traballo xa consolidadas e, sobre todo, dun equipo humano interdisciplinario” que leva traballando dende hai moitos anos neste ámbito.
R.