Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Leader permitiu consolidar case 2.300 empregos e crear outros 790 postos de traballo en Galicia no período 2014-2020

Así, o subdirector da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural indicou que os GDR demostraron seren os axentes necesarios e indispensables á hora de implementar estas políticas en cada territorio. Por iso, Moisés Blanco reiterou o agradecemento da Xunta a estes grupos polo feito de ter modificado as súas estratexias para adaptalas á nova Lei de recuperación da terra agraria, permitindo deste modo dar soporte a proxectos vinculados ao aproveitamento agrícola, gandeiro ou forestal. Iniciativas -lembrou o subdirector- como os polígonos agrofoestais, as agrupacións de xestión conxunta e os proxectos de ordenación produtiva das aldeas modelo.

Tamén se referiu ao impulso que os GDR poden prestar así aos plans de dinamización do núcleo rural das aldeas modelo ou aos plans e actuacións integrais de desenvolvemento rural enmarcados en plans estratéxicos supramunicipais.

Neste foro, Moisés Blanco recalcou que nos vindeiros meses haberá unha nova convocatoria para preparar as estratexias do seguinte período (2023-2027) e para isto a Xunta triplicará o orzamento do actual período, chegando a un gasto público total de 900.000 euros.

Nesta liña, subliñou que o obxectivo deste esforzo orzamentario é desenvolver estratexias de gran calidade, que conten cunha ampla participación da poboación local e de todos os axentes socioeconómicos de cada comarca, ou da provincia, e que se adapten ao novo contexto do desenvolvemento rural.

Estratexias ambiciosas

A intención -resaltou o subdirector- é conseguir que todos os GDR se mobilicen para elaborar as estratexias máis ambiciosas posibles, tendo en conta a nova realidade normativa e as posibilidades que neste sentido ofrece a devandita Lei de recuperación da terra agraria. Ademais, trátase tamén de que contemplen a xestión dos novos retos e oportunidades da era post-covid, que está modificando os parámetros económicos, sociais e culturais, así como a nova PAC e o Pacto Verde Europeo ou as estratexias da granxa á mesa e da biodiversidade, entre outros factores.

Neste mesmo sentido, Moisés Blanco puxo en valor a recente creación dun órgano de traballo e participación, como é a Mesa de coordinación dos GDR, que amosa a vontade da Xunta de seguir traballando a prol do rural, ademais dun compromiso por xerar sinerxías. Así, indicou que este novidoso instrumento de colaboración permitirá por unha banda abordar propostas de actualidade, procedementos, queixas e suxestións de cada un dos grupos e por outra mellorar a visualización do seu traballo e da comunicación entre eles.

O subdirector rematou a súa intervención avanzando que o Goberno galego está interesado en identificar aqueles proxectos que están funcionando nalgún grupo e que teñen capacidade de chegar á totalidade do territorio. “Canalizados a través desta Mesa de coordinación -destacou-, deben servir para delimitar estratexias no conxunto da comunidade co obxectivo de concibir o rural galego como un conxunto que ten que evolucionar cara o que todos desexamos, un gran GDR, o GDR de Galicia”.
R.