Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Galicia avanza na desescalada ampliando os aforos xerais até o 90%

Ademais, 249 dos 313 concellos galegos (80%), non notificaron novos casos covid nos últimos 7 días. Ante a nova situación epidemiolóxica, o comité clínico decidiu avanzar nun novo sistema de vixilancia da pandemia, onde se retomará o modelo de retrorastrexo de casos, se incidirá no control da trazabilidade dos gromos e na secuenciación de posibles variantes do virus, e se implementará un seguimento da efectividade vacinal.

Nesta mesma liña, o grupo de expertos que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia acordou tamén ampliar os aforos en diversas actividades sociais, culturais e económicas.

Como regra xeral, e agás no caso do sector de lecer nocturno, os aforos actualmente situados no 75% veránse ampliados até o 90% de capacidade máxima. Este será o caso dos interiores dos comercios, academias, lugares de culto, instalacións deportivas e actividades culturais. Nestes ámbitos tamén se eliminará o número máximo de persoas que poden realizar actividades en grupo.

No caso dos espectáculos musicais e artísticos con público sentado -tanto en recintos interiores como ao aire libre- poderán ampliar a capacidade de público do 75 ao 90% de aforo. No caso de desenvolverse estas actividades con público de pé, establécese un máximo do 50% para o interior, e amplíase do 33 ao 66% se teñen lugar ao aire libre . Neste último caso, e sempre e cando se cumpran os aforos, suprímese a limitación máxima de 5.000 persoas que estaba establecida até o de agora.

No caso da hostalería, amplíase o número máximo do grupo de persoas en interior que pasa de 8 a 10 persoas, e de 15 a 20 nas terrazas. Os aforos dos locais de hostalería, en nivel dunha cunchiña, quedan fixados no 75% interior e increméntase ao 90% no exterior. No caso dos locais encadrados no nivel de dúas cunchiñas amplíase ao 90% no interior e permanece o 100% nas terrazas.

No que atinxe ao transporte público, do 100% de usuarios sentados que xa estaba implantado, increméntase agora o aforo de persoas de pé até o 75%. Nos caso dos albergues e hoteis a súa capacidade aumenta até o 75%; e no que atinxe aos velorios tamén se verá ampliada a súa capacidade máxima actual, ao pasar dun máximo de 10 persoas a 20.

Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas do vindeiro sábado 9 de outubro.
R.