As decisións dos gobernos e o comportamento da poboación inflúen máis na transmisión da COVID-19 que a meteoroloxía

Estudo pioneiro
“Este é o primeiro estudo que usa unha base de datos global relativa a casos da COVID-19 que toma como referencia as cidades”, sinala Dominic Royé. “A nosa intención era avaliar o rol potencial da meteoroloxía nas dinámicas de transmisión local da COVID-19 durante a primeira vaga da pandemia”, continúa o profesor da USC. En concreto, o equipo de investigadores botou man dunha base de datos composta por tres millóns de casos de persoas infectadas polo SARS-CoV-2 ata o 31 de maio de 2020. “Analizamos a reprodución efectiva do virus en cada cidade ao longo dun período de 20 días, así como as condicións meteorolóxicas observadas durante a mesma franxa de tempo”, engade o profesor Royé, quen matiza que á hora de afondar na reprodución do virus, tomáronse en consideración as intervencións dos gobernos, a calidade do aire, así como indicadores socio-económicos.
“A investigación achega unha pequena evidencia de que as condicións meteorolóxicas teñen certa influencia nas etapas temperás das epidemias locais”, sinala Royé. Así, o estudo constata, por exemplo, que das 136 cidades que posuían un nivel alto de transmisión do virus, 35 posuían temperaturas baixas; 64, temperaturas medias; e 34, altas temperaturas. De cara a futuras investigacións, os autores subliñan que os estudos que avalíen o papel dos factores meteorolóxicos na COVID-19 tamén deberán ter en consideración a cobertura da vacinación mundial.
R.