Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Ópera cómica 'A sombra de cristal' estréase no Auditorio de Galicia en decembro

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou esta mañá na presentación da ópera cómica A sombra de Cristal, unha coprodución do Centro Dramático Galego (CDG), a Real Filharmonía de Galicia e a Asociación de Amigos da Ópera de Santiago. A obra estrearase o vindeiro 9 de decembro no marco da programación sinfónica da Xunta de Galicia para este Xacobeo 21-22.

Durante a súa intervención, Anxo M. Lorenzo destacou a aposta do Goberno galego pola música clásica neste Ano Santo. Non en balde, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade destina 1,5M€ a promover unha programación sinfónica de máis de 50 accións –entre elas esta ópera– da man das catro principais agrupacións: a Orquestra Sinfónica de Galicia, a Real Filharmonía de Galicia, a Orquestra de Cámara Galega e a Orquestra Vigo 430.

Tal e como explicou secretario xeral, o programa inclúe máis de 30 concertos por toda a xeografía galega, a gravación de catro proxectos musicais e o desenvolvemento de catro xiras das devanditas asociacións. Así mesmo, inclúe encargas a compositores, como é o caso desta ópera; e varias iniciativas dirixidas a promover a música clásica entre os máis novos ou a fomentar dentro destas entidades o uso de plataformas dixitais para a difusión das súas creacións.

Retransmisión en ‘streaming’

Musicada por Fernando Buide, con texto e dirección escénica de Quico Cadaval, a obra estrearase o 9 de decembro para os aboados do Auditorio de Galicia e terá outra sesión aberta ao público xeral o día 10. Tamén se poderá seguir o día 9 en streaming pola canle de YouTube da Real Filharmonía de Galicia.

Dirixida polo director titular e artístico da Filharmonía, o mestre Paul Daniel, contará coas voces da soprano María Hinojosa, do barítono César San Martín e do actor Víctor Mosqueira –que fai de personaxe muda–.

Na presentación participaron tamén a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; o director titular e artístico da orquestra, Paul Daniel; o presidente da Asociación de Amigos da Ópera de Santiago, Jesús Couceiro; o compositor Fernando Buide, o director Quico Cadaval, a soprano María Hinojosa, o barítono César San Martín e a directora técnica da agrupación, Sabela García.

Vencello con ‘La serva padrona’

A sombra de Cristal leva a unha Galicia contemporánea a ópera cómica La serva padrona de Pergolesi. A ópera de Fernando Buide conta a historia de Trocado, un conselleiro da Xunta de Galicia que ten ao seu cargo a Consellería de Harmonía e Innovación. Culto, sensible e tímido, teme os espazos abertos e os eventos multitudinarios e, ademais, é barítono.

Por fortuna para el, conta coa protección de Cristal, a súa xefa de prensa, creativa, moderna e visionaria, ademais de soprano; así como de Marcial, o policía que coida a súa seguridade, un exmilitar de pasado heroico que se sente rebaixado a gardacostas.

Cristal ve como, unha e outra vez, os seus proxectos chocan coa desidia de Trocado, que se entrega á melomanía e ao hedonismo, polo que tece, coa axuda de Marcial, un plan para rematar coa situación. Pero non conta con que Trocado, gran coñecedor da música barroca, detecta sorprendentes semellanzas entre as astucias de Cristal e o argumento de La serva padrona de Pergolesi.
R.