Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Presentada nunha nova edición dos Trens Turísticos de Galicia

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, presentou hoxe en Madrid na Feira Internacional de Turismo (Fitur), xunto co presidente de Renfe, Isaías Táboas, os 13 itinerarios que percorrerán Galicia na novena edición dos Trens Turísticos de Galicia que, entre os meses de xuño e outubro, realizarán 37 saídas.

A iniciativa, na que colaboran a Xunta, Renfe e a Deputación de Ourense, demostrou, como recordou Alfonso Rueda, ser unha das experiencias máis seguras con rigorosos protocolos anticovid para xerar confianza nos viaxeiros, o que permitiu que, pese á pandemia, o ano pasado os trens rozasen o 100% de ocupación.

Os trens turísticos consolídanse como unha opción para descubrir Galicia e neste ano poranse en marcha coa previsión de recuperar o número de viaxes e a ocupación anterior á covid. Así, a través de 13 itinerarios atravesaranse faros, pazos, xardíns históricos, mosteiros, a ruta da lamprea, os Camiños de Santiago e as zonas das 5 denominacións de orixe vitivinícolas de Galicia. Como novidade, incorporaranse a Ruta das Mariñas por Betanzos, Pontedeume, Cabanas e Ferrol e a Ruta dos Queixos entre A Coruña e Teixeiro.

Plan Sustentabilidade Turística Ourense Termal


O modelo de turismo de Galicia basease na seguridade, a calidade e tamén a sustentabilidade. A Xunta, na súa aposta polo desenvolvemento sostible, apoia na provincia de Ourense con 1,3 millóns o Plan de Sustentabilidade Turística en Destino Ourense Termal da Deputación de Ourense, que hoxe o vicepresidente primeiro da Xunta presentou en Fitur co presidente do organismo provincial, Manuel Baltar. Alfonso Rueda considera que este plan é unha oportunidade única para o desenvolvemento do termalismo no rural da provincia ourensá e resaltou a capacidade do turismo termal para desestacionalizar e diversificar a oferta turística, así como o peso de Galicia neste sector ao liderar a oferta a nivel nacional. Por iso, o Goberno galego fomenta este tipo de turismo apoiando a mellora das infraestruturas dos balnearios galegos xunto coa formación e a innovación neste ámbito.

Tamén sinalou q a chegada do AVE a Ourense o pasado 21 de decembro, convertendo á cidade no gran centro nodal do turismo en Galicia e nunha vantaxe competitiva para atraer a novos turistas a Galicia neste Xacobeo 21-22
Alfonso Rueda confía en que este 2022 Galicia poida celebrar o Xacobeo 21-22 que merece e que sexa o gran ano do turismo para a comunidade porque ofrece unha proposta tranquila en espazos abertos e en contacto coa natureza que buscan os viaxeiros pospandemia.

Nesta liña, lembrou que o reforzo da mensaxe de Galicia como destino seguro e de calidade permitiu o ano pasado situar á comunidade nos postos de cabeza da recuperación do turismo en toda España, case 25 puntos por riba da media nacional con 3,5 millóns de viaxeiros e 8 millóns de noites, sendo o único destino que en agosto superou as cifras turísticas de 2019. Ademais, no Camiño de Santiago superáronse tódalas expectativas con 180.000 Compostelas, 40.000 máis que as 140.000 coas que estaba previsto pechar o ano 2021.

O vicepresidente primeiro da Xunta indicou que Galicia volverá a estar de moda este ano, ao igual que o estivo o ano pasado grazas ao esforzo do sector e ao apoio da Xunta para contribuír á súa recuperación con máis de 120 millóns de euros en distintas liñas de axuda e medidas pioneiras, como o bono turístico para inxectar liquidez mediante o consumo interno, ou o seguro coronavirus para ofrecer un plus de tranquilidade cubrindo os gastos derivados ante un caso de infección por covid.

Neste ano, a Xunta espera mellorar os datos cuantitativos e cualitativos para consolidar Galicia como un destino de excelencia, rendible e sustentable aproveitando o tirón do Xacobeo e os proxectos financiados con fondos europeos Next Generation.
R.