Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

As farmacias galegas poderán subministrar os sistemas personalizados de dosificación de medicamentos aos pacientes neste primeiro trimestre

Durante a sesión, celebrada en Madrid, o responsable da carteira de Sanidade da Xunta de Galicia salientou o avance no desenvolvemento da nova Lei farmacéutica de Galicia. Nestes momentos, están en pleno desenvolvemento outros cinco decretos que van regular: a planificación e autorización de novas oficinas de farmacia; os horarios e as quendas de garda; a sinalización, a publicidade e as actividades de promoción; a creación das unidades de farmacia de atención primaria; así como o subministro de medicamentos a domicilio. Todos eles, dixo, remataron o período de consulta pública o pasado venres.

Con respecto a este último, García Comesaña lembrou que, durante os peores momentos de pandemia e de xeito extraordinario, as farmacias achegaron os fármacos ás casas daqueles galegos que non podían desprazarse ata o seu hospital de referencia nin tampouco ata a súa farmacia na procura da súa medicación. Coa este decreto, regúlase, pois, esta entrega, prestando un servizo esencial a doentes dependentes, crónicos, de idade avanzada ou que viven en zonas illadas.

Unha normativa con marcado carácter de servizo público

“Pioneira, ambiciosa e axustada ás necesidades de profesionais e usuarios”, así é como García Comesaña definiu a reforma que iniciou Galicia, hai xa uns anos, do seu sistema farmacéutico e no que a súa normativa está ben situada e avanzada de cara a aplicar a Estratexia farmacéutica que se vén de aprobar, a finais do pasado ano, na Comisión Europea. Ademais de ser un texto que vai na liña das demandas europeas, é dos máis modernos de España. Neste senso, resaltou o “marcado carácter de servizo público”, xa que “un galego, independentemente do lugar no que viva, ten garantido o acceso rápido, eficaz, oportuno, equitativo e racional á medicación”.

Recordou o concurso público de apertura de novas oficinas de farmacia, que permitiu autorizar un total de 41 –o 76% delas no ámbito rural e semiurbano-, asegurando, así, que “todos os concellos de Galicia conten coa súa oficina de farmacia”. Puxo en valor a tramitación dun “proceso que foi modélico”: “Mentres noutras comunidades o tempo medio de duración de resolución é de entre cinco e dez anos, Galicia fíxoo nun tempo récord dun ano”.

Por outra banda, o conselleiro de Sanidade fixo referencia ao programa de atención farmacéutica que, na actualidade, o Servizo Galego de Saúde ten estendido en máis de 100 centros sociosanitarios. Aproveitando o novo modelo residencial que a Xunta vai implantar nos centros de maiores e de persoas con discapacidade, o Sergas actualizará dito programa co fin de chegar a todos os centros de máis de 90 prazas da nosa Comunidade, acadando unha cobertura do 70% das prazas.

O sector farmacéutico, clave para afrontar a pandemia

García Comesaña aproveitou a xornada para destacar, tamén, o modelo galego de xestión da pandemia, cuxo eixo central foi o seu comité de expertos, ao igual que a anticipación na implantación de medidas e a importancia da coordinación e a colaboración.

Neste punto, tivo palabras de agradecemento para os profesionais farmacéuticos, claves na atención do cidadán: “As oficinas de farmacia foron unha extensión do sistema sanitario”. Así, lembrou o reparto de máscaras á poboación máis vulnerable, a entrega de medicamentos a domicilio, a emisión dos certificados covid ou o apoio na labor de vixilancia epidemiolóxica.
R.