Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A candidatura galega ao Perte de enerxías renovables suma iniciativas que poden chegar a mobilizar máis de 3800M€

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, resaltou hoxe que a candidatura galega ao Perte de enerxías renovables, que o Goberno aprobou o pasado mes de decembro, suma iniciativas que poderían chegar a mobilizar máis de 3800M€ e conta coa colaboración de empresas de referencia no sector como Naturgy, Iberdrola, EDP Renovables, Navantia e Repsol, ademais de prestar especial atención ás pemes.

Así o manifestou hoxe, na Cidade da Cultura, durante a súa intervención no 10º Foro Next Generation Galicia, que convocou ás principais empresas, clústeres e centros tecnolóxicos desta industria xunto con outras entidades e institucións como as universidades, as autoridades portuarias da Coruña, Vigo e Ferrol e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG). Conde cualificou o encontro como “unha demostración de que en Galicia temos capacidades instaladas e de que hai unha candidatura que, a través da colaboración público-privada, nos posiciona no eido das enerxías limpas, a eficiencia enerxética e a sustentabilidade”.

O Perte de enerxías renovables convocado polo Goberno prevé mobilizar un investimento público-privado de 16.370M€ e a creación de 280.000 postos de traballo. É, de feito, o terceiro Perte aprobado (xunto co de automoción e saúde de vangarda) e o único do que xa se comezaron a abrir liñas de apoio para o desenvolvemento industrial.

O vicepresidente económico sinalou que un dos proxectos máis importantes entre os que conforman a candidatura galega para participar nese Perte é o desenvolvemento dunha planta de xeración de hidróxeno verde e enerxía renovable, principalmente, eólica. Un proxecto que está incluído no Polo para a Transformación de Galicia cun investimento de 130M€ e a creación de 500 empregos.

Ademais, tamén apuntou como outra das iniciativas destacables a que promove a empresa Forestal del Atlántico, seleccionada pola Comisión Europea no marco do programa Innovation Fund para o desenvolvemento de tecnoloxías innovadoras con baixas emisións de carbono. Cun investimento de 105M€, consiste na xeración de metanol verde a partir de dióxido de carbono e hidróxeno renovable.

Durante a súa intervención, adiantou, tamén, que a Xunta vai poñer á disposición do sector unha oficina informativa para as convocatorias e proxectos galegos que opten aos fondos europeos Next Generation no eido da enerxía. Será unha xanela de apoio ás empresas para traballar conxuntamente na candidatura galega e na incorporación de novas iniciativas. Neste sentido, puxo en valor que, ademais de grandes empresas tractoras, son moitas as pemes que forman parte da cadea de valor do sector en Galicia que tamén están a propoñer proxectos.

Conde asegurou que o contexto actual, ante o novo mix enerxético, marca un punto de inflexión. As enerxías renovables, dixo, son necesarias para facilitar a caída do prezo enerxético e para mellorar a competitividade da industria. Galicia foi a primeira, e referente, na eólica terrestre, na hidroeléctrica e na biomasa. Agora, abondou, o reto está en seguir ese mesmo camiño con novas tecnoloxías como o hidróxeno verde, o biogás e o almacenamento enerxético.
R.