Volve baixar o número de emigrantes galegos por sétimo ano consecutivo segundo os datos do INE, con 1.445 menos que en 2021

Os datos aportados polo PERE demostran que os descendentes de galegos aumentan o seu número mentres descende o número de emigrantes. Así, en Arxentina, aumentou o número de galegos residentes pasando dos 181.416 de 2021 aos 182.633 mentres baixou o de galegos nados na comunidade autónoma de 42.959 a 42.884. O mesmo sucede en Brasil, onde aumentou o número de galegos residentes de 49.593 a 49.970 pero baixou o de emigrantes de 11.059 a 10.980, e tamén en Europa: Suíza aumentou de 41.169 a 41.285 o número de residentes con padrón galego e baixou o número de galegos autóctonos de 18.951 a 18.633, e na Alemaña volve a acontecer o mesmo, aumentando de 17.600 a 17.717 os residentes e pasando de 8.020 a 7.963 os nados en Galicia.
Nova realidade migratoria
Esta realidade demográfica constitúe unha oportunidade para Galicia, que conta cun importante aliado fóra das nosas fronteiras para superar o reto demográfico que está a atravesar, non só a comunidade, senón toda España. Estas cifras reflicten, ademais, unha consolidación da tendencia migratoria iniciada nos últimos anos, que pon de manifesto o labor fundamental que está a levar a cabo o Goberno galego a través da Estratexia Galicia Retorna.
R.