Suso Fandiño explora en 'Wunderkammer' a dimensión política da arte, no Centro Galego de Arte Contemporánea

A dimensión política da arte
Unha das propostas ás que Fandiño deu forma para esta exposición é Pavillón errante, unha instalación que o artista empraza no espazo con dobre altura do museo e na recrea os mastros da fachada do Pavillón da República Española na Exposición Universal de París, que, como informou a Consellería de Cultura, “contiña entre outras obras paradigmáticas un Guernica que foi pintado para esa ocasión e que nunca estivera realmente en territorio español”. Trátase, como engade o artista, “dunha representación a escala 1-1 de parte dese pavillón”, que representa á súa vez “o momento no que a historia da arte española internacionaliza as vangardas, no que decide dalgunha maneira autorrepresentarse desde o contemporáneo”.
Propostas como esta instalación de grandes dimensións conectan directamente con esa idea do “uso político da arte”, presente en toda a exposición e que centrou en boa medida o labor como investigador deste doutor en Belas Artes, que centrou a súa tese no impacto que tiveron na arte as políticas levadas a cabo polos diferentes gobernos de España tras a transición. “Como investigador traballei fundamentalmente dentro do fenómeno da patrimonialización e estatalización do obxecto artístico e, dalgunha maneira, toda a exposición é unha certa lectura do que chaman ‘sistema arte’, que a min gústame chamar historia da arte española no século XX”, engade Fandiño, que incide en que “calquera comportamento artístico é político en si mesmo”.
Esa dimensión política tamén se fai presente en pezas como os neóns Azul e Rojo, que se combinan noutra das instalacións site-specific, na que cada palabra ilumínase coa cor á que se refire a outra, coa que propón “unha lectura desde o contexto español que traslada ata certo punto unha certa incredulidade do que pasa hoxe en día”, no que lle parece “unha visión borrosa” dos conceptos esquerda e dereita. Trátase dunha obra sustentada, como recoñece, en “textos para ser vistos e imaxes para ser lidas”, que pon de relevo á súa vez a importancia que o artista outorga ao texto como material artístico, eixo á súa vez da exposición In Gold We Trust, que presentaba recentemente no espazo Sirvent de Vigo.
“Pechando o círculo” no GCAC
Aínda que as súas creacións xa estiveran presentes en exposicións colectivas como Cultivar incertezas, coa que o CGAC conmemoraba o pasado o 30 aniversario da Facultade de Belas Artes, Wunderkammer é a primeira exposición individual de Fandiño neste espazo museístico, enmarcada no seu programa de apoio a “artistas galegos de media carreira”. De feito, a mostra reúne tanto obras realizadas especificamente para este proxecto como pezas de hai máis dez de anos, coa idea de achegarse tamén á traxectoria deste artista e docente. Nese senso, Fandiño recoñece que poder expor neste espazo supón para el algo "moi emotivo", que implica dalgún xeito “poder pechar un círculo”, xa que na súa etapa como estudante de Belas Artes “o CGAC era para nós unha especie de facultade bis, que completou a nosa formación universitaria dunha forma fantástica”.
R.