Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Presentada a nova edición do festival RESIS, que reunirá na Coruña ata xuño destacados intérpretes de música contemporánea internacionais

Foi presentado o festival de música contemporánea RESIS, que arrancará o vindeiro 21 de abril e reunirá ata xuño na Coruña destacados intérpretes nacionais e internacionais en distintos concertos, mesas redondas ou máster class e que incluirá, ademais, un proxecto didáctico inclusivo para persoas con discapacidade visual, entre outras actividades.

O director das Axencias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación da quinta edición desta cita, organizada pola Asociación Cultural Aïs, na que salientou a aposta compartida coa Administración autonómica de promover entre todos os públicos a cultura contemporánea, impulsar a investigación e debate e promover o talento.

Neste sentido, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade explicou que o apoio ao RESIS insírese no traballo que se está a realizar desde a Xunta por impulsar a proxección artística profesional de novos autores apoiando a consolidación das súas carreiras a través de premios, certames e apoio a ciclos musicais como o presentado hoxe que, entre outras accións, incluirá algúns dos traballos de novos artistas xurdidos ao abeiro do programa de residencias artísticas do Gaiás.

Valorou tamén que o RESIS promova o intercambio profesional se celebre en distintos espazos públicos, singulares e de acceso gratuíto da Coruña algo que contribuirá, engadiu, a estender e promover a cultura entre todos os públicos.

Estreas

O primeiro concerto Gran Torso IV do Cuarteto Gerhard, terá lugar o 23 de abril na Igrexa das Capuchinas e un día antes comezará na Fundación Luis Seoane a mostra do traballo froito da residencia artística do Gaiás, con Igor C. Silva e Arxis Ensemble. O Museo de Belas Artes acollerá o 8 de maio o concerto COLD TRIP de Lab 51, suporá a estrea en España de varias pezas musicais pertencentes a Georges Aperghis e Yoko Ono, entre outros artistas.

Dos sete concertos previstos inclúese tamén Pléïades, a homenaxe polo centenario do compostor Iannis Xenakis, o 14 de maio no Castelo de Santo Antón a cargo de Arxis Ensemble. Será a estrea en Galicia e suporá un irmandamento coa Filarmónica de París, que lle adica este ano unha exposición ó compositor grego. A formación Arxis Ensemble debuta nesta edición, xa que é unha nova formación coruñesa de música contemporánea que nace ó amparo do RESIS.

Mesas redondas e proxectos inclusivos

O Concerto SIGMA, de Sigma Project, levará á DOMUS o 21 de maio pezas de Alberto Posadas, José María Sánchez Verdú e Helga Arias -todas elas estreas en Galicia-; de Víctor Ibarra, cunha estrea en España, e de Raphael Cendö, cunha estrea europea. Baixo o título AKUSMATA, a formación Cantando Admont estreará en España varias pezas de Beat Furrer. Será o 28 de maio na Igrexa de Santiago.

O Teatro Colón acollerá o 2 de xuño o concerto AKRATA, da Banda Municipal da Coruña, que estreará pezas de Miguel Matamoro, Xenakis, Xavier Gelabert e Voro García. Como concerto de clausura, o NATURA RENOVATUR da Camerata da Orquestra Sinfónica de Galicia estreará pezas nunca antes tocadas de Giacinto Scelsi, Waldimir Rosinskij –que escribiu unha obra en exclusiva para o RESIS-, Xenakis e Wolfgang Rihm.

A programación complétase con mesas redondas, máster class, un proxecto didáctico inclusivo para persoas con discapacidade visual, entre outras actividades. Todas elas poden consultarse en www.resisfestival.com.
R.