Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Centro Dramático Galego inicia en Cee a xira do espectáculo 'Ás oito da tarde, cando morren as nais'

O Centro Dramático Galego (CDG) inicia a xira da súa última produción Ás oito da tarde, cando morren as nais a vindeira semana en Cee, segundo se anunciou hoxe nunha rolda de prensa celebrada nesa localidade e na que participou o director da unidade teatral da Xunta, Fran Núñez. Con dirección e dramaturxia de Marta Pazos, a montaxe leva a escena o texto da creadora escénica AveLina Pérez galardoado co Premio Álvaro Cunqueiro en 2018 e conta con Camila Bossa, Sabela Domínguez, Xosé Manuel Esperante, Davide González, María Llanderas, Alba Loureiro e Toni Salgado no elenco.

Ás oito da tarde, cando morren as nais estará no Auditorio Baldomero Cores do 5 ao 8 de maio. A primeira función, o xoves, destínase a alumnado de ensino Secundario e de Bacharelato. O venres e sábado, as sesións serán ás 21,00 horas e o domingo, ás 19,30 horas. As entradas para asistir están xa á venda na web ataquilla.com a un prezo de cinco euros, con descontos do 40% para diversos colectivos, e poderán adquirirse tamén no despacho de billetes. Recomendado para maiores de 12 anos, o espectáculo sitúa o público como elemento central e analiza de xeito crítico e irónico a relación entre o teatro e a súa recepción, cunha escenografía que reproduce un espazo de exhibición escénica.

A parte das realizacións artísticas confórmana Rut Balbís, como responsable do movemento, Hugo Torres, do espazo sonoro, Nuno Meira, da iluminación, e Blanca Añón, da escenografía. Completan o equipo Pier Paolo Álvaro e Esther Quintas, quen asumen o vestiario e a caracterización, respectivamente. Nas asistencias figuran Iria Azevedo, na de dirección, Pablo Chaves Maza, na de escenografía, Roger Portal Cervera, na de vestiario, e Xandre Vázquez, na de produción.

Mobilidade e inclusión, tamén en xira

Segundo destacou Fran Núñez, trátase da primeira produción do ano do Centro Dramático Galego que sae do Salón Teatro de Santiago e faino con moitas novidades. Así referiuse ao tempo de permanencia en cada espazo, de catro días, co que se busca facilitarlle a asistencia á veciñanza, tanto do municipio que acolle o espectáculo como doutras localidades. Nesta liña apuntou a nova aposta da unidade teatral da Xunta, coa extensión á xira do programa de mobilidade consistente na contratación de autobuses para desprazar público da contorna. Así, o concello de Outes xa confirmou a súa participación para asistir ás funcións de Cee.

Ademais, por primeira vez todas as representacións serán inclusivas, grazas ao sistema posto en marcha pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade que permite dispoñer de interpretación en lingua de signos, subtitulado e audiodescrición en todas as producións, tanto no Salón Teatro coma noutros espazos. “As persoas con discapacidade auditiva ou visual poderán gozar de calquera das representacións sen limitarse a sesións específicas”, salientou.

A reserva dunha das funcións para centros de ensino Secundario e de Bacharelato é outra das novidades da xira, enmarcada no labor didáctico e de achega do teatro e da dramaturxia galega contemporánea á poboación máis nova.

Viaxe a Portugal e volta a Galicia

Estreada o pasado 15 de abril, a produción Ás oito da tarde, cando morren as nais despídese este domingo do Salón Teatro de Santiago, onde terá sumado 14 funcións. Tras o inicio do percorrido en Cee, a peza viaxará a Portugal para ofrecer funcións en Beja, no marco do Festival Internacional de Teatro do Alentejo, un dos máis potentes festivais de teatro iberoamericano do país luso, o día 12, e en Coímbra, o 14. O espectáculo regresa a Galicia o 19 de maio con parada no Auditorio Municipal de Cedeira, onde permanecerá ata o 22. Pola súa banda, o Auditorio Municipal de Catoira acollerá a montaxe do 26 ao 29, e, por último, o Teatro Principal da Estrada farao do 2 ao 5 de xuño.
R.