Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

As enquisas do estudo de reforma do mapa municipal galego indican unha predisposición favorable da poboación á fusión voluntaria de concellos

A poboación galega amosa unha predisposición favorable á fusión voluntaria dos concellos, tal e como se desprende das conclusións provisionais extraídas das enquisas do estudo de reforma do mapa municipal e que esta mañá foron analizadas no marco dunha reunión presidida pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, á que asistiron tamén membros da Fundación Juana de Vega e dos equipos das tres universidades galegas que participan no traballo.

As primeiras conclusións da enquisa realizada o pasado mes de febreiro á poboación galega para coñecer a súa opinión sobre os procesos de fusión dos concellos amosan que a cidadanía ten unha predisposición favorable á fusión voluntaria dos concellos (83%), e considera que a redución do número destes melloraría a súa capacidade de prestación de servizos. Malia que as porcentaxes diminúen cando a pregunta se fai sobre o propio concello, tamén neste caso máis da metade da poboación (un 56%) estaría a favor da fusión. Pola contra, tan só un 37% da poboación sería partidaria de realizar fusións obrigatorias.

Ademais, o 67% dos enquisados pensa que a redución do número de concellos melloraría a súa capacidade de prestación de servizos á cidadanía, en tanto que o 16,7% considera que isto non afecta para nada á súa capacidade de prestar servizos. A crenza nos beneficios de reducir concellos é mais alta nas persoas con estudos universitarios, maiores de 45 anos e de clases medio altas, mentres que a poboación sen estudos, do ámbito rural e con baixos ingresos ten unha menor crenza en que a redución dos concellos contribúa a mellorar a calidade e cantidade dos servizos prestados por estes. Por outra banda, son os habitantes dos concellos de entre 5.000 e 10.000 habitantes os que máis predisposición manifestan polas fusións.

Respecto do interese pola situación dos concellos, os resultados da enquisa amosan que a cidadanía ten un interese medio-alto polas cuestión referidas aos concellos e queren que estes presten máis servizos. A administración local é a que se percibe como máis próxima e a mellor valorada por parte da cidadanía. Así, case un de cada tres cidadáns outórgalle á administración local unha valoración de sobresaínte. En relación á identificación coas entidades territoriais, a poboación identifícase primeiramente con Galicia, seguida da aldea ou vila de residencia e o barrio, aparecendo España en cuarto lugar, a provincia en sexto lugar e Europa no oitavo e último posto.

No que atinxe á pregunta de cales son as alternativas para mellorar a calidade dos servizos, a remodelación do mapa municipal aparece en terceiro lugar, por detrás da alternativa a incrementar as transferencias de fondos doutras administracións e a de mellorar a xestión dos concellos. En último lugar, e con puntuación de suspenso, sitúase a alternativa de incrementar as recadacións.

O obxectivo xeral da enquisa era o de coñecer a opinión da cidadanía sobre as fusións municipais e outras alternativas de adaptación da planta local e centrouse en catro obxectivos específicos: coñecer cal é a diagnose que fai a cidadanía da situación dos concellos e a que se dedican, detectar o sentimento identitario con respecto ás entidades territoriais, coñecer a valoración que fai con respecto a unha serie de alternativas para a remodelación do mapa municipal, e por último, pulsar a sensación da poboación respecto das implicacións que pensa que tería cambiar o mapa municipal.

As conclusión da enquisa realizada a un milleiro de galegos vanse sumar aos resultados das entrevistas que se están a realizar a unha trintena de expertos e formará parte do estudo de reforma do mapa municipal galego e o impulso de novos procesos de fusión municipal, ao que a Xunta destina 72.600 euros e que se está a desenvolver en colaboración coa Fundación Juana de Vega e as tres universidades galegas.
R.