Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O festival Atlántica 2022' levará a narración oral a espazos patrimoniais de 24 concellos de toda Galicia

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou esta mañá na presentación da décima edición do festival Atlántica 2022, a cita internacional de narración oral que se celebrará entre o 30 de xuño e o 9 de xullo e que conta co apoio da Xunta de Galicia. As funcións desenvolveranse en lugares ao aire libre e de especial interese patrimonial de 24 localidades de toda Galicia.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou este festival como “unha cita máis que consolidada, que leva unha década reunindo a todo tipo de públicos diante dunha tradición tan galega e á vez tan internacional como os contos”, sinalou.

O director xeral de Cultura reafirmou, ademais, o compromiso do Goberno galego con este festival, “un dos máis importantes da Península Ibérica e referente da lusofonía neste eido”, pola súa “contribución ao intercambio entre os pobos e á descentralización da oferta cultural, cun calendario de actuacións nunha vintena de concellos de todo o territorio galego”, indicou.

Na presentación tamén participou a directora do festival, Soledad Felloza; así como representantes institucionais e das diferentes localidades onde se realiza a programación.

Case un cento de funcións en 24 concellos

Atlántica 2022 contará coa participación de 42 narradores nacionais e internacionais de distintos lugares do mundo como Colombia, Bos Aires, Brasil, Portugal, Romanía, Hungría, Alemaña, Marrocos, Uruguai ou puntos de España (Guipúscoa, Madrid, Valencia, León e Zamora).

Están previstas un total de 94 funcións, en concreto nas cidades de Santiago de Compostela, Vigo, Ourense e Ferrol, así como nos concellos de Outes, Teo, Carnota, A Pobra do Caramiñal, Mugardos, Boiro, Dodro, Paderne, Ribeira, Padrón e Zas na provincia da Coruña; Sanxenxo, Campo Lameiro, A Estrada, Cuntis, Pazos de Borbén e Lalín, na de Pontevedra, e Alfoz, Chantada e Mondoñedo, na de Lugo.

O festival terá unha fase previa, a partir do 15 de xuño e ata o propio 30 de xuño, en catro centros de ensino (CEIP Pedrouzos en Brión, CEIP Vilas Alborada e Colexio San Pelayo Emma en Santiago de Compostela e CEIP Barouta en Ames) e tamén en espazos de Vigo e Santiago de Compostela.

A sesión inaugural correrá a cargo dos narradores galegos Paula Carballeira e Ouico Cadaval o vindeiro 20 de xuño ás 21,30 horas no Parque de Bonaval de Santiago de Compostela. A programación está dispoñible na web do festival.
R.