Presentado o Festival Kerouac de Vigo, unha das citas de poesía escénica máis lonxevas de España

Durante a súa intervención, o representante autonómico de Cultura gabou a “destacada traxectoria” deste festival que chega xa a súa décimo segunda edición. “O encontro que comeza mañá é xa un clásico na oferta cultural do outono en Vigo e unha cita fundamental para o mundo da literatura”, expresou. Así mesmo, fixo especial fincapé na súa importancia para a divulgación e o intercambio cultural con diferentes países “contribuíndo á internacionalización da cultura galega”.
A programación arrancará o xoves, ás 19,00 horas, na Galería Maraca, onde se darán cita os Poetryfighters vigueses para dar comezo ao festival. Nesta primeira cita o poeta e rapeiro Malvares, a artista multidisciplinar Lupita Hard e o poeta e tamén director do festival, Marcos de la Fuente, presentarán a antoloxía bilingüe Poetryfighters, un volume que recolle voces de poetas que unen México e Estados e Unidos a través dun movemento poético. Neste evento colaborarán tamén alumnos e profesores da Escola Oficial de Idiomas, que lerán as traducións dos poemas en inglés.
Emma Gomis, Alberto Avendaño, Clara Pino, Iria Medraño e Isolda Comesaña
Na tarde do venres o festival desprazarase ata o sétimo andar de El Corte Inglés para un amplo programa no que se inclúe música, performance e poesía cantada e recitada. Nesta segunda xornada participarán Emma Gomis, poeta, ensaísta e tradutora da Universidade de Cambrigde; o poeta vigués Albergo Avendaño, membro do colectivo Rompente; a arpista céltica Clara Pino, a poeta Iria Medraño, colaboradora habitual no grupo de rap en galego Rebeliom do Inframundo, e a poeta emerxente Isolda Comesaña.
O último día do festival contará como principal protagonista coa poeta neoiorquina Anne Waldman, invitada de honra na edición deste ano que con 77 anos é unha das últimas poetas beats que ofrece aínda recitais en directo. A autora visitará Vigo tras a publicación de máis de 40 libros e discos e ofrecerá un recital o sábado 22 no Museo MARCO acompañada das poetas Emma Gomis, a galega Olga Novo, gañadora do Premio Nacional de Poesía en 2020, e a viguesa Graciela Baquero Ruibal.
R.