Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Federación Galega de Bandas de Música populares presenta a 15ª edición do seu certame, que reunirá en Celanova uns 400 músicos

Arredor de 400 músicos de oito formacións galegas daranse cita na fin de semana do 3 e 4 de decembro no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova con motivo do XV Certame Galego de Bandas, organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares e a Xunta no marco da súa colaboración anual. Esta cooperación materialízase nun convenio a través do que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades achega 120.000 euros para diferentes accións encamiñadas á promoción da música bandística.
 
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este mediodía en Ourense na presentación desta 15ª edición do evento, coa que se recupera a súa celebración despois de que en 2021 tivera que ser suspendido pola pandemia e fora substituído polo ciclo O país das bandas con máis de 90 concertos por toda Galicia.
 
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades celebrou a volta deste certame co que “a Xunta de Galicia, a través de Axencia Galega de Industrias Culturais, reforza o compromiso con entidades culturais que teñen a magnitude e dimensión das bandas de música populares, cuxo importante labor vertebra culturalmente o territoria e propicia a transmisión interxeracional de coñecementos e de respecto polo propio”. Ademais, respecto ao Concurso Galego de Composición, Valentín García resaltou que “favorece a aparición de novas creacións culturais que enriquecen o repertorio musical feito desde Galicia para que por medios dos nosos creadores máis novos nos escoiten no mundo enteiro”.
 
O Auditorio Ilduara estréase como escenario deste certame, no que se darán cita oito agrupacións, incluída a Banda Xuvenil de Celanova. Participarán tamén a Banda de Música Municipal de Caldas de Reis, a Banda de Música Santádega (Coles), a Banda de Música de Lourenzá, a Agrupación Musical da Limia e a súa sección infantil Chikiband, a Banda de Música Infantil de Rubiós e a Banda Xuvenil da Escola de Música de Silleda. Cada unha das formacións comezará a súa actuación cun pasodobre de presentación, tras o que interpretarán unha obra proposta polo comité organizador e outra de libre elección.
 
Máis de 6000 euros en premios

O xurado avaliará estas actuacións de acordo con aspectos relacionados coa técnica, a sonoridade, a interpretación, a presenza en escena e a conexión co director. De acordo coa súa puntuación, entregaranse oito premios, cunha dotación conxunta de máis de 6000 euros, aos que se suman os galardóns á mellor interpretación dunha peza de autoría galega, ao mellor director do certame e o honorífico a unha traxectoria persoal e/ou profesional de apoio ao labor das bandas de música populares.
 
No transcurso da xornada de clausura daranse a coñecer, así mesmo, as pezas e autores premiados nas cinco categorías do XV Concurso Galego de Composición. Neste caso, o obxectivo é fomentar e estimular a composición musical como parte fundamental do patrimonio cultural galego, ademais de cubrir a escaseza de repertorio de autoría galega para ser interpretado especificamente por bandas de música.
 
Tanto o Certame de Bandas como o Concurso de Composición son parte das accións impulsadas pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades a través da súa colaboración coa Federación Galega de Bandas de Música Populares. Ao seu abeiro, o pasado mes de xullo tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, o V Festival de Bandas Infantís e Xuvenís, que congregou arredor de 600 rapaces e rapazas de 12 agrupacións.
 
Tamén en xullo, a Xunta apoiou a participación da Banda Sinfónica Galega no 19º WMC (World Music Contest) Young Generation de Kerkrade (Países Baixos), recoñecido internacionalmente como o meirande festival de bandas sinfónicas a nivel mundial. A formación galega foi convidada oficialmente pola organización do certame, que cada ano reúne máis de 20.000 músicos dunhas 250 agrupacións.
R.