Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

As autoestradas autonómicas manterán o custe das peaxes, mentres se incrementa un 4% o da AP-9 e da AP-53

A conselleira salientou que esas tarifas van permanecer conxeladas no ano 2023 porque o Goberno galego considerou necesario realizar un especial esforzo de acompañamento ás familias nun momento economicamente complexo.
 
Lembrou que xa o pasado ano, cando o IPC obrigaba a aplicar unha suba do 5% nas autoestradas autonómicas, a Xunta decidiu que se aplicaría só a metade do incremento, facéndose cargo a Administración autonómica do resto da achega económica.
 
Agora, cunha situación máis difícil para os galegos, Ethel Vázquez sinalou que a Xunta aposta por responder con “medidas excepcionais a situacións excepcionais” e redobra o esforzo, conxelando as peaxes para evitar unha actualización de tarifas do 7%.
 
Segundo afirmou, o Goberno galego apostou pola “anticipación e a planificación”, reservando nos Orzamentos do ano 2023 unha partida de 4,8 M€ que fará posible que as tarifas das autoestradas autonómicas non suban e se manteñan as bonificacións existentes.
 
En concreto, a conselleira indicou que o convenio asinado hoxe recolle unha achega de 2 M€ para manter conxeladas as peaxes e evitar así que os 26.500 usuarios diarios das autoestradas autonómicas afronten esa suba do 7%.
 
O convenio blinda tamén o mantemento durante o vindeiro exercicio das diferentes bonificacións que se veñen aplicando sobre as súas peaxes da Xunta desde hai anos. Trátase de descontos do 25% na 1ª viaxe de volta e do 50% a partir da segunda volta; do 50% nas viaxes nocturnas; e do 100% da viaxe de retorno para as familias numerosas.
 
Ethel Vázquez explicou que a tradución práctica da conxelación de tarifas e das bonificacións para usuarios recorrentes nas autoestradas autonómicas é que un usuario habitual da autoestrada Vigo-Baiona aforre uns 200 euros no ano 2023, unha cifra que se eleva ata os 300 € no caso do percorrido A Coruña-Carballo. No caso de que sexan viaxes nocturnas ou as realicen membros de familias numerosas, o aforro verase incrementado.
 
A titular de Infraestruturas e Mobilidade subliñou que con este convenio asinado hoxe, as autoestradas da Xunta seguirán a estar entre as máis baratas de España. Fronte a isto, sinalou a “inaceptable” decisión do Goberno de España de autorizar unha suba de peaxes do 4% nas tarifas da AP-9 e da AP-53 a partir do día 1 de xaneiro.
 
Sinalou que os galegos volven así atoparse con que teñen que pagar máis por circular pola principal vía de comunicación da Comunidade, a autoestrada AP-9, na que a peaxe leva subindo de forma extraordinaria máis de 4 anos, volvendo a encarecerse agora de xeito moi notable.
 
E, engadiu, que o mesmo sucede na AP-53, Santiago-Dozón, co agravante, neste caso, de que se trata da única autoestrada estatal na que non se aplica ningunha bonificación ao usuario.
 
A conselleira incidiu en que é unha “pésima noticia para Galicia” a decisión final do Goberno de España de non seguir o camiño da Xunta, conxelando as peaxes das autoestradas estatais, polo que os galegos afrontarán o domingo unha nova suba do 4% nas peaxes da AP-9 e da AP-53.
R.