A Xunta activa a alerta laranxa por nevaradas nas zonas de montaña de Lugo e Ourense

Ante as nevaradas, recomendase evitar as viaxes en automóbil sempre que non sexan necesarias e levar sempre o depósito cheo. Tamén se recomenda usar a roupa e calzado axeitado, evitar que persoas maiores saian á rúa e ter a man lanternas e cadeas.
Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.
Transporte escolar
Pola súa banda, a Comisión Escolar de Alertas acordou a suspensión do transporte escolar durante toda a xornada de mañá martes 17 dos centros educativos situados nos concellos das zonas de predición das montañas de Lugo e Ourense. Ademais, ese mesmo día, queda suspendido o servizo en horario de tarde nos centros das zonas do interior da Coruña, interior de Pontevedra, centro de Lugo, sur de Lugo, noroeste de Ourense, sur de Ourense e Valdeorras. Nestas últimas localidades, farase seguimento das condicións climáticas ao longo da mañá, por se houbera que tomar decisións adicionais.
En canto ás actividades, quedan suspendidas as que se realicen no exterior nos centros educativos situados nas zonas da Mariña Lucense e o noroeste de A Coruña ata as 12h do martes 17.
Para o caso de que as circunstancias da localidade onde se atopa o centro supuxesen un risco superior ao declarado, os directores poderán adoptar as decisións oportunas respecto das actividades no exterior do centro educativo ou sobre as actividades extraescolares. Adicionalmente extremaranse as condicións de circulación do transporte con seguimento das condicións climáticas. A listaxe de concellos incluídos en cada zona climática pode consultarse na páxina web de Meteogalicia.
R.