Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Presentado en Lugo o libro 'XESÚS MATO, 90 anos… e 50 do seu Fuxan os Ventos'

No libro, ademais do resume que fai Xesús Mato do seu camiñar pola vida, e os textos de presentación de Román Rodríguez (Conselleiro de Cultura, Educación, F.P. e Universidades), José Manuel Mato (Alcalde de Paradela) e dos coordinadores da publicación, participan Alfonso Blanco, Marisol Bravos, José Crespo, Ángel Fernández, Marcos Fernández, Valentín García, Mero, Manuel Lombao, Arximiro López, Mini, Eloy Rodríguez, Santiago Rodríguez, Carlos Rodríguez, Isidoro Rodríguez, e Lola Tourón.

Cada un dos coautores incide nunha fase da vida e actividade do Padre Mato (así é xeralmente coñecido): a nenez, o Seminario, a guerra… a lingua, a cultura, a primeira parroquia… Radio Popular de Lugo, Fuxan os Ventos, Galicia canta ao Neno… Delegado de Medios, a música, crego de familia… Auxilia, Fillo predilecto de Paradela e Medalla Castelao… Unha vida entregada aos demais que o libro quere poñer de manifesto en homenaxe a este grande da Igrexa, da música e da cultura.

O martes, 17 de xaneiro, houbo unha dobre presentación: en Paradela e en Lugo.

En Paradela, ás 12:00 horas, no salón de sesións do Concello, con asistentes de Paradela e outros chegados de diversos puntos de Galicia, interviñeron, ademais de Xesús Mato (fillo predilecto daquel concello), o Alcalde, José Manuel Mato; Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; Ángel Fernández (fillo predilecto de Paradela), participante no libro cun traballo sobre a mocidade do seu veciño homenaxeado; Lola Tourón (cesteira), autora dun traballo sobre Mato na Montaña, e Xulio Xiz (compañeiro na radio), coautor.

Pechou o acto o gaiteiro Xosé Lois Foxo, director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, que foi cantor na Escolanía de Lugo cando era dirixida por Mato, interpretando o “Alalá do Courel”.

Ese mesmo día, ás oito do serán, no salón de actos da Biblioteca Provincial de Lugo (Biblioteca Nodal), cun público numeroso e entusiasta de “matólogos” e “matófilos”, interviñeron Xesús Mato, Valentín García, Ángel Fernández e Xulio Xiz, ademais da directora da Biblioteca Provincial, María Isabel Pérez Forneas, e dos participantes no libro Marisol Bravos (compañeira de Mato na impulsión de Auxilia), Marcos Fernández Mosquera (sucesor de Mato na dirección do Orfeón Lucense) e Isidoro Rodríguez, do colectivo María Castaña, participante con Mato en “Galicia canta ao neno”. Foi espléndido colofón a intervención de Xosé Luís Rivas Cruz (Mini), do primeiro Fuxan, actualmente deputado no Parlamento de Galicia que rematou a súa intervención cun emocionante canto “a capella” do “solo” de “Fuxan os ventos”, letra e música de Xesús Mato.

Nas dúas presentacións, todos os asistentes recibiron cadanseu exemplar do libro “XESÚS MATO, 90 ANOS… e 50 do seu Fuxan os Ventos”.
R.