Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Turismo de Galicia clausura esta edición de Fitur enxalzando as festividades galegas como a mellor mostra dos recursos culturais e gastronómicos da comunidade

A Xunta de Galicia clausurou hoxe a edición do 2023 de Fitur en Madrid poñendo en valor as festividades da comunidade como a mellor mostra dos seus recursos culturais e gastronómicos.
 
O stand de Turismo de Galicia en Ifema, que rexistrou moi boa asistencia nos tres días que durou a Feira Internacional de Turismo, pechou esta última xornada coa exposición Un ano de festas.
 
Neste percorrido polas principais celebracións do mapa galego presentado pola influencer Tamara García —que colaborou con Turismo de Galicia na promoción do dobre ano Xacobeo a través da iniciativa Instagrammers no Camiño—, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e os delegados territoriais da Xunta, enxalzaron o seu alto atractivo para o desenvolvemento turístico de Galicia.
 
“A dimensión das nosas festas”, afirmou Castro, “traspasou calquera fronteira e hoxe en día e moitas delas xa se consolidaron como motor económico e ferramenta de promoción turística de Galicia para o mundo”. Neste sentido, destacou a importancia das máis de 300 festas declaradas de interese turístico na comunidade, entre as que se inclúen os entroidos, eventos históricos, gastronómicos, festivais con artistas de proxección internacional ou celebracións relixiosas.
 
Así, mostróuselle ao público asistente o potencial de festexos como a Romaría Vikinga de Catoira, o Apóstol de Santiago, os Entroidos de Xinzo de Limia e Verín, a Rapa das Bestas de Sabucedo, o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira ou as festas do San Froilán e o Arde Lucus de Lugo, entre outras.
 
Como peche do acto, a directora de Turismo de Galicia amosou a vontade da Xunta de “seguir traballando conxuntamente cos municipios, colectivos e asociacións co obxectivo de potenciar as celebracións máis auténticas e xenuínas de Galicia para que formen o noso mellor escaparate turístico”.
R.