Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A mostra 'Ferrol no tempo' despídese cunha visita especial á exposición comentada polos comisarios e por expertos na historia da cidade

A Xunta e Afundación organizan unha actividade especial na sede ferrolá desta última entidade para pechar a exposición Ferrol no tempo, que chega á súa fin este sábado despois da súa inauguración o pasado mes de novembro. O mesmo sábado, ás 17.30 horas, está programada unha visita guiada a cargo dos comisarios da mostra e o seu comité de asesores ao completo.

Trátase dun percorrido no que o comisario, Manuel Gago, e o coordinador da mostra en Ferrol, Guillermo Llorca, estarán rodeados dalgunhas das persoas con máis traxectoria na investigación sobre o pasado da cidade. Nese grupo están: Esperanza Piñeiro de San Miguel, historiadora e catedrática de Historia de Ensino Secundario xubilada; Carmen Porta Losada, xefa de Arquivo e Biblioteca do Concello de Ferrol; José Antonio Rodríguez Villasante Prieto, tenente coronel de Intendencia da Armada, membro da Real Academia Galega de Belas Artes e da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando; e Margarita Sánchez Yáñez, cofundadora e membro do consello de redacción de Estudios Mindonienses.

Ferrol no tempo é a segunda das exposicións que a Xunta de Galicia e Afundación organizan no marco do proxecto Cidades no tempo, unha proposta coa que se pretende reivindicar a dimensión urbana de Galicia a través da organización dunha mostra en cada unha das sete principais cidades galegas. Está comisariada por Manuel Gago, doutor en Ciencias da Comunicación e director da plataforma de divulgación cultural culturagalega.gal do Consello da Cultura Galega.
R.