Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Entra entra en vigor o Plan Hidrolóxico de Galicia costa 2021-2027

O Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa, que ten vixencia durante 6 anos, permitirá velar pola calidade de todos os ríos que nacen e morren na comunidade, das augas costeiras asociadas e das augas de transición.

O citado documento recolle un programa de 212 medidas e 1.885 M€ de investimento. O maior esforzo económico destinarase ás actividades máis importantes para a calidade das augas: o saneamento e a depuración, prevendo unha mobilización de 973 M€; e o abastecemento, con máis de 560 M€, absorbendo o 80% do orzamento do plan.

Un total de 110 das 212 medidas previstas con carácter de investimentos disporán de financiamento autonómico, é dicir, máis de 605 M€. Polo tanto, a Xunta asume o 52% das medidas recollidas no plan e o 63% do investimento previsto.

Ademais, o plan contén 79 medidas de carácter normativo para establecer normas adaptadas ás problemáticas actuais do uso da auga, á xestión máis sustentable, ao contexto climático e a garantir un mellor cumprimento dos obxectivos ambientais.

Novidades

O plan inclúe novidades normativas para a preservación das masas de auga, como a limitación de plantacións en zonas de servidume do dominio público hidráulico e de traballos que supoñan o deterioro dos ecosistemas dos ríos, fomentando a vexetación de ribeira.

Así, daranse facilidades aos cidadáns para realizar plantacións, sementas ou traballos de mantemento en zona de policía pero fóra de servidume, labores que poderán facerse sen autorización de Augas de Galicia.

O plan tamén recolle unha maior protección das masas da auga cunha mellor xestión dos xurros, establecendo a obrigatoriedade de impermeabilizar o seu almacenamento e cubrilos axeitadamente, para evitar posibles vertidos ao medio.

En canto aos caudais ecolóxicos, incorpóranse diversas previsións para contribuír a clarificar a súa aplicación así como o control do seu cumprimento, pois estes caudais son de aplicación directa e inmediata e, polo tanto, de obrigado cumprimento.

Estableceranse, ademais, medidas contra o uso abusivo da auga.

Consenso

A Xunta realizou un inxente traballo de campo para elaborar o novo plan, que incluíu a revisión e actualización do plan anterior (2015-2021), realizando unha completa análise e primando a participación.

Para isto, acometéronse 55.000 analíticas nas masas de auga con distintos parámetros, físico-químicos, biolóxico e hidromorfolóxicos, para avaliar o seu estado e a súa calidade.

Ademais fomentouse a participación pública, coa divulgación dos contidos e a sensibilización sobre a importancia da protección dos recursos hídricos, acadando un consenso maioritario coa incorporación de achegas recibidas.
R.