Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrece a estrea en Santiago do espectáculo Hamelin

Ademais da axuda de preto de 59.000 euros para a súa produción, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades contribúe tamén á súa chegada ao público a través da devandita rede autonómica, na que tras as funcións de estrea visitará Cangas (4 de marzo), Pontevedra (9 de marzo) e Lugo (20 de abril). O espectáculo poderá verse, así mesmo, na Illa de Arousa, onde levou a cabo parte dos seus ensaios, Teo e Verín.

Machi Salgado, Belén Constenla, Guillermo Carbajo, Mónica García, Roberto Leal, Rubén Porto e Fran Lareu conforman o elenco que levará a escena esta obra orixinal de Juan Mayorga, a partir da adaptación de Alex Sampayo, na que se abordan os abusos na infancia. Completan o equipo Laura Míguez como axudante de dirección, Carlos Álvarez-Ossorio como responsable do deseño de iluminación e Fernando Epelde como encargado do espazo sonoro.

Premio Max ao mellor autor teatral

Esta será a segunda adaptación de Redrum Teatro dun texto de Mayorga, Premio Princesa de Asturias das Letras en 2022, do que a compañía xa levou ás táboas O mozo da última fila. Neste caso, Sampayo decantouse pola obra coa que este dramaturgo foi recoñecido en 2005 co Premio Max ao mellor autor teatral.

As entradas para as dúas representacións de Santiago poden adquirirse a través da plataforma www.compostelacultura.gal e na Zona C (Praza de Cervantes) de martes a sábado, no seu horario habitual.

Outras estreas na rede

Neste primeiro semestre do ano, a Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrécelle ao público compostelán unha escolma da máis actual produción teatral galega da man das sete compañías que actúan no Teatro Principal dentro deste circuíto autonómico de espectáculos, cofinanciado pola Xunta de Galicia e 40 entidades locais asociadas. Así, o escenario santiagués acolleu xa a estrea de Pussy Cake, de Matarile Teatro con dirección e dramaturxia visual de Baltasar Patiño, así como as representacións de Vox Populi, de Malasombra, e Pirolíticos, de Mofa & Befa.

Completan a próxima carteleira do Teatro Principal dentro da Rede, O péndulo, de Inversa Teatro en coprodución co Centro Dramático Galego, o 3 e 4 de marzo; a estrea de Códice-K, na que Ainé Producións se achega á historia do roubo do Códice Calixtino, os días 24 e 25 de marzo, e Unha inimiga do pobo, de Talía Teatro, o 12 e 13 de maio.
R.