O Gaiás exhibe documentos do psiquiátrico de Conxo mostrando o tratamento como enfermas de mulleres que transgredían os roles de xénero da súa época
 A exposición trata de visibilizar a condición das persoas dobremente estigmatizadas por ser mulleres e tratadas de loucas, un tema que foi tabú durante anos. O percorrido amosa expedientes de ingreso, diagnósticos médicos, historias clínicas ou mesmo correspondencia das propias internas. Nesta documentación quedan patentes os patróns de xénero propios da época.
A exposición trata de visibilizar a condición das persoas dobremente estigmatizadas por ser mulleres e tratadas de loucas, un tema que foi tabú durante anos. O percorrido amosa expedientes de ingreso, diagnósticos médicos, historias clínicas ou mesmo correspondencia das propias internas. Nesta documentación quedan patentes os patróns de xénero propios da época.O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destacou durante o acto de inauguración que se trata de documentos “de gran valor para o estudo da psiquiatría e da saúde mental desde múltiples aspectos, entre os que destaca o coñecemento da sociedade á que pertencían esas mulleres que quedaron excluídas e esquecidas”, engadindo que o “Psiquiátrico de Conxo é un dos máis antigos da Península, no seu tempo cunhas instalacións modelo e prestixiosos profesionais, o que lle dá máis importancia ás conclusións que se poden sacar desta documentación custodiada no Arquivo de Galicia”
No acto estivo acompañado pola subdirectora xeral de Arquivos e Bibliotecas, Mª Carmen Calviño; a directora de Procesos de Soporte da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, Fernanda López Crecente, e pola directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo. Asistiron tamén as comisarias da exposición, María del Mar García Miraz e Concepción García, e o comisario, Miguel López.
Diagnósticos e historias clínicas cargadas de significado
O Hospital Psiquiátrico de Conxo foi desde a súa creación en 1885 ata 1953 o principal centro de asistencia psiquiátrica de Galicia. Os documentos conservados pertencen a unha época na que, segundo explica a comisaria da mostra, “moitas persoas foron consideradas doentes mentais e illadas da sociedade por non adaptarse ás regras sociais establecidas. No caso das mulleres sufrían, ademais, a aceptación de que o seu sistema nervioso e reprodutivo as facía máis propensas a desordes patolóxicas, sendo diagnosticadas, como se le literalmente nos expedientes, con loucura histérica, loucura xenital, psicose melancólica ou de pasións violentas”.
A exposición exhibe cartas cargadas de significado enviadas por homes aos médicos en agradecemento pola cura das súas mulleres “que antes eran tristes”. Tamén correspondencia das propias internas a familiares expresando as súas vivencias, que nunca foron enviadas e se utilizaron para o seu seguimento clínico.
A mostra recolle os expedientes das dúas primeiras mulleres ingresadas no Hospital Psiquiátrico, en 1885 e 1886 (os ingresos de mulleres eran moito menores ao considerarse só casos graves os que ían na contra dos valores dunha sociedade patriarcal). Complétase con fotografías antigas, como a dos talleres nos que acababan facendo tarefas do fogar como lavar a roupa, ou documentos relacionados coa xestión do centro a nivel administrativo, como son os libros de rexistro de materiais.
R.
  




