Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Ainé estrea en Santiago a comedia Códice-K

O Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela foi hoxe o escenario da presentación da comedia Códice-K, a nova achega escénica que Ainé Producións estreará o venres 24 ás 20,30 h. no Teatro Principal, onde poderá verse tamén o sábado 25 á mesma hora. A Xunta subvenciona este espectáculo cunha achega de preto de 44.000 euros a través da convocatoria de axudas á creación escénica de 2022, que distribuíu 800.000 euros entre 28 montaxes de teatro, danza e novo circo.

Ao tempo que contribúe economicamente á súa produción, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades colabora na estrea de Códice-K ao abeiro da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto de espectáculos cofinanciado xunto a 40 entidades locais das catro provincias e do que forma parte o Teatro Principal de Santiago.

Así o explicou hoxe o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, que aproveitou a súa intervención nesta presentación para felicitar o equipo de Ainé pola súa nova proposta tras a estrea e a xira de Recortes, caneos e outras formas de driblar, producida co Centro Dramático Galego.

Música en directo

Tito Asorey e Noemi Rodríguez dirixen esta “intrahistoria extra oficial” sobre o roubo do Códice Calixtino na catedral compostelá a partir dun texto de Manuel Cortés. As actrices Lucía Veiga, Marita Martínez, Graciela Carlos e Patricia Castrillón meteranse na pel de múltiples personaxes para ofrecer moi diferentes puntos de vista sobre esta historia. Ademais, unha DJ dará cobertura sonora e dramática á súa posta en escena.

Completan o equipo artístico Banale (escenografía) Russ (espazo sonoro), Laura Iturralde (iluminación), Laura Baena (vestiario) e Laura Mahí (deseño da imaxe).

As entradas para as dúas representacións de Santiago poden adquirirse a través da plataforma www.compostelacultura.gal e na Zona C (praza de Cervantes) de martes a sábado, no seu horario habitual.

Outras estreas na rede

Neste primeiro semestre do ano, a Rede Galega de Teatros e Auditorios estalle a ofrecer ao público compostelán unha escolma da máis actual produción teatral galega da man das cinco compañías programadas no Principal a través deste circuíto. Así, o escenario da rúa Nova, 21 acolleu xa as estreas de Pussy Cake, de Matarile Teatro, e de Hamelin, de Redrum Teatro, así como as representacións de Vox Populi, de Malasombra; e Pirolíticos, de Mofa & Befa.
R.