Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Responsables de museos picassianos de España e Francia recalarán o día 24 no Museo de Belas Artes para ofrecer novas perspectivas da obra do artista

A actividade enmárcase no contexto da gran exposición Picasso branco no recordo azul, que se inaugurará un día antes na Coruña e que é a única mostra galega incluída na programación oficial da Celebración Picasso 1973-2023 impulsada polo Musée National Picasso-París e a Comisión Nacional para a Conmemoración do 50º aniversario da morte de Pablo Picasso, que conta con Telefónica como empresa colaboradora do programa en España.

A Xornada Picassiana está destinada a público xeral. A asistencia é gratuíta ata completar aforo e os interesados poden inscribirse no enderezo actividades.museobelasartes.coruna@xunta.gal. Desenvolverase desde as 9,00 da mañá e dará comezo coa participación dos tres comisarios da exposición Picasso branco no recordo azul: Malén Gual, Rubén Ventureira e Antón Castro.

Programa da xornada

A continuación, será a quenda de José Lebrero Stals, director artístico do Museo Picasso de Málaga, que falará da arte alemá e Picasso. O arquitecto e catedrático de Composición da Universidade da Coruña José Ramón Soraluce impartirá o relatorio O instituto e a cidade dos Picasso. O Museu Picasso de Barcelona estará representado pola súa directora de restauración Reyes Jiménez, que falará do proceso creativo desde a mirada da ciencia. Tamén se contará coa participación de Violette Andrés, responsable dos fondos fotográficos e programas de dixitalización das coleccións do Museo Nacional Picasso-París, que explicará o vínculo de Picasso coa fotografía. Pablo Picasso: a formación literaria dun poeta recén nacido é o relatorio que ofrecerá Rafael Inglada, poeta, editor e biógrafo de Picasso que actualmente traballa na Casa Natal Museo de Málaga. Finalmente, a directora da Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso, Elena Pardo, abordará a formación académica do artista malagueño.

Ademais centrarse na obra de Picasso, as xornadas visibilizarán o papel fundamental dos museos como centros de documentación e investigación, así como de interrelación e intercambio con outras institucións.

Conmemoracións oficiais

O 8 de abril de 2023 cúmprese o 50 aniversario do pasamento do artista español Pablo Picasso, evento que marcará a celebración da súa obra e a súa herdanza artística en Francia, España e internacionalmente.

Os gobernos de Francia e España acordaron traballar conxuntamente nun programa internacional a través dunha comisión binacional que reúne ás administracións culturais e diplomáticas dos dous países.

A Celebración Picasso 1973-2023 xira en torno a unhas 50 exposicións e eventos que se celebrarán en institucións culturais de renome en Europa e América do Norte que, xuntas, abordan unha análise historiográfica da súa obra. A celebración, acompañada de celebracións oficiais en Francia e España, permitirá facer un balance das investigacións e interpretacións sobre a obra de Picasso, especialmente durante a importante simposio internacional en outono de 2023 que, ademais, coincide coa apertura do Centre d’Etudes Picasso de París.

O Musée National Picasso-París e a Comisión Nacional española para a conmemoración do 50 aniversario da morte de Pablo Picasso comprácense en apoiar este programa excepcional.
R.