Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Galicia presenta na comisión de recursos humanos do Sistema Nacional de Saúde a creación da especialidade de urxencias

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acompañado da directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña Álvarez, e do xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández-Campa, participaron onte pola tarde, de xeito telemático, no Pleno extraordinario da Comisión de Recursos Humanos do Sistema Nacional de Saúde. No transcurso da comisión, o xerente de ACIS presentou o inicio do procedemento para a creación da especialidade de urxencias.

O Grupo Técnico de Análise de especialización en Ciencias da Saúde, no que participan todas as comunidades autónomas, designou a Galicia como relatora na Comisión de Recursos Humanos do Sistema Nacional de Saúde, para a creación da especialidade de Urxencias e Emerxencias.

De conformidade co previsto polo Real Decreto 589/2022 polo que se regula a formación transversal en ciencias da saúde, o inicio do procedemento para a creación deste novo título de especialista xorde polo acordo acadado na Comisión de Recursos Humanos do Sistema Nacional de Saúde. O campo de actuación desenvolverase nos servizos de urxencias médicas ou xerais hospitalarias, nos dispositivos móbiles de atención urxente e de emerxencias, e nos centros de coordinación de urxencias e emerxencias.

Entre os motivos que se argumentou que xustificaban a creación desta especialidade de medicina de urxencias e emerxencias, atópanse que este campo supón actuacións, técnicas e procedementos específicos en situacións que poden ser de urxencia vital e patoloxías tempo-dependentes, onde o tempo é un factor decisivo para mellorar o prognóstico e o impacto doutras áreas asistenciais.

Outro dos motivos é que é unha especialidade que existe na maioría dos países de Europa, podendo falarse, con toda propiedade, da existencia dun modelo europeo consolidado de especialidade primaria no ámbito profesional sanitario da medicina de urxencias e emerxencias.

Xunto ao anterior, os Servizos de Urxencias Hospitalarias e Emerxencias son unha realidade en todas as comunidades autónomas e contan con recursos humanos e materiais propios. As súas necesidades de prazas cóbrense na actualidade con profesionais doutras especialidades.

Actividade

O volumen de actividade reflicte, en datos do Sistema de Información de Atención Especializada do 2019, que se atendéron 31,3 M. de urxencias nos Servizos de Urxencias Hospitalarios, cunha presión de urxencias do 53,84% (Porcentaxe que supón os enfermos ingresados por urxencias respecto ao total de ingresos), e unha porcentaxe de urxencias ingresadas do 9,43%. No Sistema Nacional de Saúde atendéronse, ademais, 6,82 M. de demandas asistenciais nos Sistemas de Emerxencias (112/061), das que 2,06 M foron resoltas polo Centro Coordinador; e 4,76 foron resoltas con desprazamento de profesional sanitario.

Sinalar, así mesmo, que a formación mediante un programa de residencia constitúe un elemento clave para a mellora da calidade da atención dos pacientes e a seguridade en procedementos específicos, garantindo unha formación homoxénea dos seus profesionais.
R.