Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Festival Resis de música contemporánea comeza este xoves cun concerto do Arxis Ensemble

Este xoves, 13 de abril a partir das 20.00, o Festival RESIS proporá un concerto da man da formación galega de música contemporánea Arxis Ensemble, cun programa composto de tres obras creadas, todas elas, por mulleres.

O RESIS é un festival que mestura todo tipo de expresións artísticas, e como tal, a gastronomía terá un oco especial na primeira súa xornada. Non pode ser doutro xeito, xa que se celebra en Árbore da Veira, o restaurante do chef con Estrela Michelín Luis Veira. Ao rematar o concerto, o público poderá degustar un cóctel servido polo propio chef.

No relativo á música, o programa deste xoves constará de tres obras. A primeira delas en ser interpretada será Dust: bass storm, de Rebecca Saunders, a cargo do percusionista de Arxis Ensemble, Noè Rodrigo Gisbert.

A continuación, será a quenda de Latitudes. A súa compositora, Sara Glojanaric, presenta por primeira vez esta obra en España, da man da pianista solista Magdalena Cerezo Facales, de Arxis Ensemble. O concerto rematará cunha improvisación sobre Grapefuit book, o mítico libro de 1964 de Yoko Ono, en clara referencia á inminente celebración do Día do Libro.

Sábado 15 de abril | Concerto en Palexco

O sábado 15, xa na Sala de Exposición de Palexco, Arxis Ensemble será de novo a agrupación encargada da programación, esta vez baixo a batuta do célebre director Nacho de Paz. O ovetense, moi recoñecido pola súa especial dedicación á música dos séculos XX e XXI, dirixirá á formación galega mentres interpretan pezas de Beat Furrer, Alberto Posadas, Claudia Cañamero ou Hugo Gómez-Chao.

A de Gómez-Chao será unha estrea mundial da obra Libro delle Immagini V. O coruñés, que ostenta actualmente o posto de compositor residente na Real Academia de España en Roma, é un dos impulsores do festival dende a súa creación.

As entradas para os distintos concertos e actividades serán totalmente gratuítas ata completar aforo. Porén, nalgúns casos será necesario reservar as entradas, sen custo, en ataquilla.com, ou recollelas presencialmente no kiosco da praza de Ourense.

Sobre o Festival RESIS

O festival organizado pola Asociación Cultural AÏS é xa toda unha referencia no sector, e contará ao longo de toda a súa programación cos directores e intérpretes máis prestixiosos do mundo. Nos 9 concertos que conforman a edición deste ano inclúense 5 estreas absolutas e 2 instalacións sonoras.

A súa programación, do máis alto nivel, repartirase entre os principais centros de arte da cidade. Ademais dos xa mencionados, haberá concertos na Fundación Luis Seoane, no Museo de Belas Artes, na Casa Museo Casares Quiroga, na Domus, no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía Muncyt, no Rosalía de Castro e no Teatro Colón.

Este ano, ademais, o RESIS únese á celebración del Ano Picasso co concerto Pierrot Lunaire de Arnold Schoenberg. Tamén celebrará o centenario do compositor György Ligeti. O festival conta co patrocinio do Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o INAE.
R.