Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Máis de medio cento de actividades para celebrar o Día Internacional dos Museos

Museo das Peregrinacións e de Santiago

Así, en Santiago de Compostela, o Museo das Peregrinacións e de Santiago organiza un obradoiro de estampe floral en teas, impartido por Beatriz Rocha o xoves 18 de maio de 11,30 a 13,30 horas. O sábado 20 de maio, terán lugar unha ruta urbana de plantas silvestres a cargo de César Lema, de 11,00 a 13,30 horas, con inscrición previa no Museo, e un concerto de música coral do Coro Da Rá, nos soportais ás 19,00 horas. E o domingo 21 de maio, haberá un obradoiro de Mauro Sanín (A Central Folque), de 11,00 a 13,00 horas tamén nos soportais.

CGAC

Pola súa banda, o CGAC organiza diversas sesións do concerto pedagóxico Cousas de catro do grupo Odaiko para escolares de Educación Primaria hoxe e mañá. O sábado 20 de maio, organízase unha ruta de arquitectura contemporánea O CGAC e outros fitos da arquitectura contemporánea compostelá, dirixido por Carmen Rey, de 11,00 a 13,30 horas, previa inscrición, e talleres arredor da obra de Hassan Darsi En Dourado, de 11,00 a 13,00 horas, con inscrición previa, dirixido a familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos. Tamén se impartirá o domingo 21 de maio para familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos. Para lle pór punto final á Semana dos Museos, o domingo, haberá unha visita especial aos espazos ocultos do CGAC, de 12,00 a 12,50 horas.

Museo Centro Gaiás

O Museo Centro Gaiás na Cidade da Cultura súmase a esta celebración cun programa de visitas comentadas especiais á exposición Detrás do espello nas que descubrir, da man de Miguel Ángel Cajigal conhecido polo seu perfil @elbarroquista, o traballo coa cultura popular e as comunidades locais de Galicia de sete grandes personalidades internacionais e como estas accións implicaron um mellor coñecemento e desenvolvemento da cultura.

A visita percorrerá as biografias de sete protagonistas da exposición, como George Chevalier, fotógrafo francés autor das primeiras imaxes en cor que se conservan de Galicia, tomadas 1917 na Coruña, Padrón ou Santiago de Compostela mediante a técnica dos autochromes, ou a musicóloga suíza Dorothé Schubart que realizou, en colaboración co filólogo Antón Santamarina, un extraordinario traballo de recollida da música popular galega que cristalizou nos sete volumes do Cancioneiro popular galego, e que hoxe é ferramenta indispensable para todo o sector da música de raíz. A actividade será de balde.

Museo Camilo José Cela

Canto ao Museo Camilo José Cela de Padrón, centra a programación no Lesetreo, a semana das letras no museo do 11 ao 20 de maio. Coincidindo con esta celebración e dado o gran éxito de público acadado, a Fundación Pública decidiu a ampliación da exposición Picasso vivo. El legado picassiano de Camilo José Cela, para que moitos máis visitantes poidan acceder a coñecer a amizade que uniu ao pintor malagueño e ao el escritor galego.

Museo de Belas Artes da Coruña

Na cidade da Coruña, o Museo de Belas Artes celebra este día internacional o xoves 18 de maio con visitas guiadas extraordinarias á exposición Picasso branco no recordo azul. O sábado 20 coa Noite dos Museos, haberá un horario especial de apertura, ata as 23,30 horas, e ademais celebrarase a performan lúdica colaborativa Picasso infinito, dirixida por Arkhé espacio educativo, na praza do museo con materiais reciclados, de acceso libre. Será das 19,00 ás 22,00 horas e, a partir dunha obra de Picasso, farase un xogo construtivo no que se empregarán pezas soltas de material reutilizado e de residuos recuperados.

Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

Na cidade de Ourense, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense programa para o xoves 18 de maio unha visita arqueolóxica Sentir a arqueoloxía, ás 12,00 horas e unha visita guiada aos almacéns do museo ás 19,00 horas. Tamén programa a presentación Escolma de escultura e distintas atividades o propio xoves 18 e venres 19 de maio como obradoiros didácticos para nenos e nenas Parques con historia e vida, ás 10,00 horas no xardín do Posío, así como obradoiros interactivos sobre materiais da prehistoria na idade de Bronce, con sesión ás 11,30 e as 18,00 horas.

Museos Etnolóxico de Ribadavia e do Viño e Parque de San Cibrao de Lás

Haberá, ademais, visitas guiadas ao laboratorio de restauración ás 17,00 horas do xoves, e ás 10,30 e 18,00 horas do venres. No Museo Etnolóxico de Ribadavia, o 18 de maio, realizarase unha conexión co National Museum of Ukrainian Folk Decorative Art, onde o museo ucraíno amosará parte da colección téxtil centrándose no bordado, mentres que o Museo Etnolóxico, centrarase no patrimonio vitivinícola de Galicia.

E no Museo do Viño de Galicia terá lugar o venres 19 de maio un concerto didáctico de Xavier Blanco co título A música de raíz na cultura do viño, ás 20,00 horas.

No Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa de San Cibrao de Las desenvolve actividades temáticas cos escolares e visitas comentadas, para conmemorar a data.

Museo do Castro de Viladonga

Pola súa banda, o Museo do Castro de Viladonga, no concello lucense de Castro de Rei, acolle o xoves actividades de orientación durante a mañá O desafío de aprender. Orientación e coñecemento. E o sábado 20 de maio hai programación para a noite dos museos: xogos tradicionais a cargo de Xotramu, Asociación de Xogos tradicionais, de 17,30 a 19,30 horas. Tamén haberá música a cargo da Agrupación Cultural La Trova Coruñesa, de 18,15 a 19,30 horas e un concerto de Son de Corda de 19,30 a 20,30.

Museo do Mar de Galicia

Na cidade de Vigo, o Museo do Mar de Galicia arrinca a programación conmemorativa o xoves 18 de maio cunha xornada de portas abertas e coa apertura da exposición temporal Cultura Oceánica cedida polo Centro de extensión universitaria e divulgación ambiental de Galicia CEIDA. O sábado 20 de maio, desenvólvense a actividade didáctica para familias Coñecendo ás baleas, ás 11,30 horas, dirixida a nenos e nenas a partires de seis anos. Tamén programa a visita guiada ao museo para público en xeral ás 17,30 horas. E o domingo 21 de maio, haberá outra visita guiada ao museo de 11,30 a 17,30 horas.

Museo Massó e Campo Lameiro

O Museo Massó, no concello pontevedrés de Bueu, ofrece o sábado 20 de maio ás 12,00 horas o obradoiro didáctico Redes de maio, dirixido a un publico a partir de 6 anos e o sábado 27 de maio, realizan un itinerario monográfico Historia dunha salgadura que vai e vén, ás 12,00 horas, dirixido a todos os públicos. Tamén se preve a apertura da exposición O museo crece, con 5 infografías que ilustran o estado final dos espazos e fachadas nas que se vai intervir no proxecto de rehabilitación e ampliación dos espazos do Museo Massó. Finalmente, o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro celebra o Día Internacional dos Museos coa entrada gratuíta.
R.