Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O encontro Corazón da Artesanía celebrará en Agolada do 7 ao 9 de xullo a súa décima edición

No acto participaron o director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, e mais o alcalde de Agolada, Luis Calvo.

Manuel Heredia destacou durante o acto como nestes dez anos o Corazón da Artesanía se está a consolidar no evento de referencia na promoción dos oficios de Artesanía de Galicia, con especial atención aos máis tradicionais, e destacou que esta iniciativa foi recoñecida nos Premios Nacionais de Artesanía 2022, nos que resultou finalista do Premio Promociona para Entidades Públicas.

O Corazón da Artesanía é un evento integral destinado a divulgar os oficios artesanais, a impulsar a comercialización da marca Artesanía de Galicia e doutros produtos gourmet de calidade, así como buscar sinerxías entre artesanía e outros sectores como a arquitectura, o deseño ou a gastronomía. “A súa orixinalidade e posta en escena permítenlle consolidarse como motor da dinamización socioeconómica, da conservación e da transmisión da tradición, da difusión da cultura e da promoción turística de Galicia”, sinalou o director xeral.

En horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:30 horas e durante tres días, o Corazón da Artesanía xuntará tradición e vangarda nun encontro único no que se contará con demostracións de artesanía en vivo, o programa Artesanía no Prato que xunta gastronomía e artesanía, cursos especializados para artesáns e obradoiros abertos para todos os públicos, animado con música en directo e actividades para nenos.

Na edición deste ano está prevista a participación de máis de 50 profesionais de Artesanía de Galicia, 40 como expositores e outros 16 artesáns que participarán como docentes nos cursos de formación e talleres abertos, entre os que se atopan 10 obradoiros que están presentes por primeira vez neste evento.

Entre os oficios artesanais que estarán representados atópanse a xoiería e ourivería, a sombreirería, os instrumentos musicais, a olería, a cerámica, a elaboración de zocos, a marroquinería, o téxtil, a elaboración de redes, o traballo coa madeira e co papel, a forxa, a cestería, as tellas e mais os labores de palla. No programa de actividades inclúense cursos especializados que precisarán inscrición previa –e que estarán relacionados coa cestería, co tecido, co coiro, coa estampaxe e coa marquetería– e talleres abertos para todos os públicos relacionados con diferentes oficios como a cestería, a madeira, a cerámica, o tecido, o encaixe e a elaboración de figuras de miga de pan.

Entre o público previsto para esta décima edición inclúese a visita de tendas estranxeiras especializadas na decoración de interiores –entre as que se atopan unha de Londres e outra de Estocolmo– xornalistas especializados en tendencias e decoración, representantes de institucións vinculadas á artesanía, prescritores e tendas de diferentes puntos de España.

Como xa é habitual, o Corazón da Artesanía incorpora a iniciativa Artesanía no Prato, un proxecto que botou a andar no 2013, co obxectivo de establecer sinerxías entre artesanía, gastronomía e deseño. A oferta gastronómica completarase coa participación de 30 expositores de produtos de alimentación gourmet, 4 food trucks e diferentes postos de alimentación que estarán á disposición dos visitantes nas proximidades dos Pendellos.

O programa do Corazón da Artesanía. X Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia complétase con espectáculos e concertos musicais que terán lugar na Praza do Concello durante os tres días do evento.
R.