Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Galicia contará cunha unidade especializada en grandes lumes e amplía e mellora o dispositivo de loita contra os incendios

No CIPIG participaron ademais, de xeito presencial ou por videoconferencia, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; o xefe superior da Policía Nacional en Galicia, Ramón Gómez Nieto; o comisario xefe da Policía Autonómica, Jorge Rubal; o xefe da XV Zona da Garda Civil en Galicia, Miguel González Arias; xunto con representantes do Ministerio do Interior; do Ministerio de Defensa e do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Tras a reunión, o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes incidiu na necesidade da implicación e da colaboración da sociedade extremando as precaucións e colaborando na denuncia de calquera actividade delituosa incendiaria contactando coas forzas e corpos de seguridade. Na mesma liña, avogou pola coordinación entre as administracións na loita contra o lume e, deste xeito, a reunión de hoxe serve precisamente para abordar o dispositivo integrado por máis de 7.000 efectivos ante o comezo da tempada de alto risco de incendios o próximo 1 de xullo.

Entre os medios mobilizados que dependen da Vicepresidencia Primeira, inclúense 225 efectivos da Policía Autonómica para a investigación de incendios forestais e 114 vehículos. Diego Calvo lembrou que é unha cifra similar ao ano pasado pese a que o Ministerio do Interior segue sen cubrir as prazas vacantes dun corpo de seguridade que se atopa ao 71% da súa capacidade con 358 axentes. Ademais, a Axencia Galega de Emerxencias (Axega) colaborará nas intervencións cun Grupo de Apoio Loxístico (GALI) e facilitaranse medios técnicos como 6 drons ou 3 cisternas nodrizas con capacidade de 25.000 litros cada unha.

Cómpre aclarar que, pese a tratarse dunha competencia local de concellos e deputacións provinciais, a Xunta leva investidos máis de 26 millóns de euros na dotación de equipamento de Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) e Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC). No dispositivo deste ano integraranse 400 profesionais dos GES e máis de 4.400 voluntarios das 235 AVPC. Participarán, por outra banda, 432 bombeiros e 75 vehículos dos parques municipais das cidades e 446 efectivos e 97 vehículos dos parques dos consorcios provinciais e comarcais.

Novidades no dispositivo

Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural, José González, salientou as novidades introducidas no dispositivo, tanto no eido do persoal como dos medios e das melloras tecnolóxicas. Así, lembrou a creación dunha unidade especializada en grandes incendios, é dicir, un grupo directores de extinción que, en lumes con elevado potencial de converterse en gran incendio forestal, poderán ser mobilizados para facilitar e favorecer o correcto desenvolvemento do dispositivo.

O titular de Medio Rural puxo tamén en valor o despregamento de tres novas brigadas públicas helitransportadas operativas todo o ano nas bases do Barco de Valdeorras, do Xurés (Muíños) e de Queimadelos (Mondariz) ou a ampliación da rede de videovixilancia forestal, con cinco novas cámaras dispoñibles, en dúas novas localizacións, co que se acada a cifra de 153 unidades en 76 localizacións.

Na mesma liña, José González mencionou o reforzo de medios materiais, con máis motobombas e batracios, que consisten nun tractor con cisterna, trituradora multifunción e polidozer. Así, prevese a compra de 15 motobombas e doutros 12 batracios. Ao mesmo tempo, introducíronse melloras e novas aplicacións para facilitar o traballo ao persoal do dispositivo e realizouse unha actualización das parroquias de alta actividade incendiaria (PAAI), identificando un total de 40. Ademais, o conselleiro destacou o reforzo en materia de formación, tanto para o persoal do Servizo, case duplicando o orzamento ao efecto ata os 700.000 euros, como cara á sociedade, cun mínimo de 40 charlas dirixidas á poboación das devanditas parroquias de alta actividade incendiaria.

No mesmo sentido, José González explicou que, como nos veráns pasados, o operativo humano -integrado por persoal da Xunta, dos concellos, do Ministerio, do Exército e das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado- terá á súa disposición arredor de 380 motobombas, entre outros medios terrestres, e unha trintena de medios aéreos.

O conselleiro do Medio Rural fixo especial fincapé, ademais, no Plan de prevención posto en marcha no mes de abril cun investimento de case 38,8 millóns de euros para actuar en cando menos unhas 60.000 hectáreas, nuns 5.600 quilómetros de pistas e outras vías e en case 4.840 puntos de auga, entre creación de puntos novos e mantemento dos existentes.

Outros aspectos destacados por José González foron o importante labor que realiza a Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) na loita contra a actividade incendiaria e, na mesma liña, a relevancia da colaboración cidadá.

En relación con isto último, ambos mandatarios lembraron o número de teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria: o 900 815 085 e recordou que tamén está a disposición da cidadanía o servizo gratuíto 085, ao que se debe chamar no caso de detectar un incendio forestal.
R.