Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Avances no proxecto GIFT de infraestrutura verde

Deste xeito, o director do Instituto de Estudos do Territorio, Enrique de Salvador, ven de participar nunha reunión de coordinación na que estiveron representados departamentos da Administración autonómica, asociacións ambientais e representantes do sector forestal, das reservas da biosfera -Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo; Ribeira Sacra e Serra do Oribio e Courel, e Río Eo, Oscos e Terras de Burón- e da Universidade de Santiago de Compostela.

O obxectivo deste encontro foi o de especificar os obxectivos específicos desta iniciativa, que ten como finalidade o deseño dunha metodoloxía común a todos os socios para, entre outras cuestións, incorporar a infraestrutura verde na ordenación do territorio como mellora estratéxica noutros instrumentos das políticas sectoriais.

A maiores, tamén se analizou o obxectivo de revitalizar árbores e bosques, elementos que definen especialmente a Galicia, como ferramenta natural para a mitigación e á adaptación ao cambio climático e para a conservación dos ecosistemas.

No proxecto, impulsado no marco do programa Interreg Europe-FEDER, ademais da Xunta, participan outras 9 entidades de países e rexións da Unión Europea, concretamente: o goberno rexional de Västra Götaland (Suecia), a Axencia Territorial de Flandes (Bélxica), os gobernos provinciais de Fryslân (Países Baixos) e Rimini (Italia), a Axencia Rexional de Leipzig (Alemaña), o Instituto Forestal Esloveno, o Centro de Apoio Empresarial de Kranj (ambos de Eslovenia), a Universidade de Letonia e a cidade de Zagreb (Croacia).

Cómpre subliñar que este programa de cooperación interrexional fomenta a política de cohesión, facilitando así o intercambio de experiencias e coñecementos de éxito, a transferencia de boas prácticas e a aprendizaxe entre os socios.