Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Presidente da Xunta avanza que a economía galega medrará por riba do 1,7 % previsto para este ano e do 2 % no 2024

Na xornada La gestión del diálogo social, organizada pola Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), Rueda asegurou que hai razóns para este “optimismo realista” respecto ao futuro, entre elas, que en 2024 Galicia non precisará recorrer ao endebedamento para financiar os seus servizos públicos, despois dunha etapa de flexibilidade fiscal condicionada pola pandemia.

Rueda atribuiu estas perspectivas ao marco de “estabilidade” que ofrece o Executivo galego cunha xestión “previsible” e cunha “planificación ordenada”. Precisamente, nesta liña, adiantou que a Xunta xa está elaborando os Orzamentos do ano que vén. “O traballo hai que facelo agora”, defendeu con respecto a que deben estar aprobados o 31 de decembro.

Rueda resaltou o gran comportamento do tecido produtivo galego nos últimos anos, reflectido en fitos recentes como a recuperación do PIB prepandemia antes que a media de España ou o mellor primeiro cuadrimestre da historia en exportacións, que chega despois dun novo récord no comercio exterior en 2022. O presidente tamén valorou o modelo galego de xestión económica, baseado na estabilidade, a axilidade e a simplificación administrativa e o papel activo da Xunta na captación de investimentos.
Galicia pendente de fondos europeos e infraestruturas “fundamentais”

O titular do Executivo autonómico volveu reclamar ao Goberno central maior axilidade e concreción no reparto dos fondos europeos, especialmente en sectores como o do vehículo eléctrico e conectado, que será obxecto dun terceiro Perte. Neste senso, insistiu en denunciar que o Goberno central ten 25.000 millóns de euros “embalsados”e expuxo que Galicia xa ten mobilizada a práctica totalidade dos fondos recibidos ata o de agora, case 1.200 millóns de euros. En canto aos cinco primeiros meses de 2023, o Goberno galego adxudicou o 67 % dos 527 millóns de euros dos fondos do MRR previsto no orzamentoinicial deste ano.

Por este motivo, pediulle ao Goberno central que deixe as comunidades xestionar estes fondos. “Temos experiencia e somos máis próximas ca un despacho ou ministerio, que non lles dan para adiante”, recriminou.

Ademais, instou a un maior grao de cumprimento coas prioridades de Galicia, nomeadamente co Corredor Atlántico, logo de quedar fóra do reparto de financiamento europeo, ou a chegada do tren de alta velocidade a toda Galicia. “Imos seguir nestas loitas”, garantiu Rueda con respecto a reclamar o desenvolvemento destas infraestruturas “fundamentais” para Galicia.
R.