Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Xunta reclamoulle ao Goberno de España que poña en marcha sen demora as obras de emerxencia no segundo viaduto da A-6.






Ethel Vázquez lamentou que tivo que pasar un ano para que o Goberno central se autoemendase e apostase pola decisión máis sensata, que pasa pola reconstrución simultánea dos dous viadutos e polo procedemento de emerxencia.


Precisou que o propio informe encargado polo Ministerio de Transportes sinala que é necesario executar polo procedemento de emerxencia e de xeito simultáneo os viadutos de entrada e de saída para garantir a estabilidade das cimentacións, para evitar sobrecustos e para reducir o prazo de execución o máximo posible, achegando, ademais, máis seguridade viaria.


Precisou que, pese á rectificación do Ministerio, a Xunta seguirá estando vixiante ante as decisións que adopte a partir de agora, porque non se pode perder nin un minuto máis, dadas as graves consecuencias e prexuízos que a negativa do Goberno de España ata agora ten suposto para os usuarios e para os intereses da comunidade.


Incidiu en que, no mellor dos casos, aínda quedará un ano máis por diante para que os cinco carrís da A-6 volvan estar dispoñibles tras a rectificación anunciada polo Ministerio. Isto dará, como resultado final, que os usuarios sufrirán os prexuízos da situación da A-6 durante 3 anos como mínimo, tendo en conta o tempo de execución das obras, o máis dun ano que xa ten transcorrido desde o colapso do viaduto do Castro e o ano de traballos de emerxencia que se estaban executando na autovía cando se produciu o incidente.


Sinalou que estas circunstancias obrigan a afrontar, de entrada, unha campaña estival complicada nos desprazamentos de entrada e saída a Galicia por estrada, tendo en conta que a A-6 é unha das principais arterias de comunicación coa meseta; e que na outra autovía de entrada a Galicia, na A-52, se están a acometer nestes momentos obras de reparación para paliar as graves deficiencias que presenta a calzada.


A titular de Infraestruturas tamén se referiu aos atrancos, retrasos e promesas incumpridas do Goberno en relación ás infraestruturas de titularidade estatal, ante a falta de impulso das novas autovías e a inexistencia dun programa de mantemento das estradas xa existentes. Lembrou que seguen pendentes de execución autovías comprometidas como a da Mariña, a autovía Ourense-Ponferrada, a autovía Ourense-Lugo e tamén a A-54, Santiago-Lugo, que está aínda sen finalizar.