Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Detectados por primeira vez en Galicia exemplares de mosquito tigre

Precisamente mediante ese método e grazas á colaboración dun veciño da localidade de Moaña se detectou a presenza de exemplares que, tralo estudo por parte da Rede Galega de Vixilancia de Vectores, se certificou que pertencían a esta especie, que é a primeira vez que se detecta na Comunidade Autónoma de Galicia.

Este mosquito é un potencial transmisor de enfermidades como os virus do dengue, chikungunya ou Zika. En consecuencia, o protocolo previsto no Plan Nacional leva a tomar medidas para previr o risco, aínda que non se puido aínda confirmar a presenza de ningún destes virus nos exemplares existentes en Moaña. De feito, a presenza deste mosquito noutras comunidades autónomas españolas non produciu circulación destes virus agás casos illados de dengue detectados en 2018 e 2019.

Comité técnico de coordinación

No marco do protocolo establecido no Plan Nacional de Prevención, Vixilancia e Control, a Xunta constituíu un comité de coordinación de carácter técnico para o que xa foron solicitados representantes aos departamentos autonómicos de Medio Ambiente, Medio Rural, Interior, á área sanitaria de Vigo e ao propio Concello de Moaña.

Este comité, coordinado pola subdirección xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía da dirección xeral de Saúde Pública, reunirase nos vindeiros días para planificar accións de reforzo da vixilancia da poboación deste mosquito co obxectivo de controlala para evitar a súa dispersión, así como reforzo da vixilancia epidemiolóxica ante posibles casos de picaduras e a difusión de consellos para a poboación á hora de evitar a proliferación de mosquitos e a súa picadura.

Información e consellos para a poboación

Recoméndase á poboación da zona afectada o mantemento de boa hixiene persoal e o uso de repelentes eficaces para minimizar o risco de picadura. As picaduras son moi molestas e poden producir reaccións alérxicas de certa gravidade.

O ‘mosquito tigre’ cría en pequenos recipientes que acumulan auga estancada durante máis dunha semana, polo que se recomenda revisar cada 4 ou 5 días lugares como bebedeiros de mascotas, floreiros ou pratos situados baixo as macetas para evitar que se creen hábitats propicios para a instalación do mosquito.

Por outra banda, a Xunta de Galicia agradece a colaboración cidadá na detección de presenza deste mosquito. A app Mosquito Alert permite enviar unha fotografía de mosquitos detectados para que sexan analizados por expertos do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e da Rede Galega de Vixilancia de Vectores que a Xunta mantén en colaboración coas universidades de Santiago de Compostela e Vigo.

O mosquito aedes albopictus ou ‘mosquito tigre’ caracterízase pola súa coloración negra intensa cunha liña branca lonxitudinal central en tórax e cabeza e as súas patas a bandas negras e brancas. O seu tamaño pode oscilar entre os 5 e os 10 milímetros.

Foto: Wikipedia
R.