Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Mantense a prealerta por escaseza moderada de auga nos sistemas do río Lérez, en Pontevedra, do río Grande, en Camariñas, no río Anllóns, río Mero, Arteixo e ría da Coruña

Na reunión abordouse a situación hidrolóxica e meteorolóxica das distintas concas de Galicia-Costa, de competencia autonómica.

Así, pese ás chuvias rexistradas nos últimos días, a Oficina Técnica da Seca decidiu manter a prealerta nestes sistemas, pois a recuperación dos ríos non se produce de xeito inmediato e aínda non se teñen acadado valores de normalidade.

No que se refire á meteoroloxía, as chuvias acumuladas en agosto entraron dentro dos parámetros da normalidade, pero nas comarcas do norte da Coruña e Lugo, quedaron por debaixo dos valores habituais deste mes. Ademais, prevese un tempo anticiclónico nas vindeiras semanas.

Esta situación de prealerta por escaseza supón a intensificación do seguimento da situación meteorolóxica e dos niveles de ríos, encoros e acuíferos da demarcación Galicia-Costa, así como das posibles incidencias que se detecten.

A situación do resto dos sistemas de abastecemento da demarcación de competencia autonómica, presenta niveis de normalidade, xa que a ocupación actual dos encoros é do 69,59%, 3,4 puntos por riba da ocupación do mesmo período en 2022.

O Goberno galego reitera a necesidade de levar a cabo un consumo responsable da auga, evitando malgastala a través da restrición de regas, a limitación do enchido de piscinas ou a reutilización sempre que sexa posible.
R.