Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Presentada a nova edición do WOS festival como cita de referencia na difusión das vangardas musicais

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, asistiron á presentación do programa completo do WOS Festival X Son Estrella Galicia, que celebra a súa sétima edición do 14 ao 17 de setembro e ofrecerá máis dunha trintena de espectáculos e arte sonora. A organización deste encontro volve contar coa implicación da Xunta a través dun apoio económico que se materializa por dúas vías, a través da Axencia Turismo de Galicia, cunha achega de 60.000 euros, e das subvencións a festivais profesionais de música da Consellería de Cultura e Educación, canle polo que percibe 23.000 euros.

Con estes apoios, o Goberno galego incide no potencial das citas culturais especializadas e de calidade, como é o caso do WOS no que respecta á música máis innovadora e de vangarda, para atraer un turismo musical a Galicia. Ao tempo, contribúese a dinamizar a actividade e a fomentar as contratación no eido das industrias culturais e creativas. O encontro súmase ademais este ano á axenda global de máis 2500 citas que a Xunta está a impulsar ao longo do verán baixo o lema A cultura en Galicia é un CulturON.

Trenor lembrou que celebramos unha nova edición dun festival xa consolidado e premiado como o mellor festival indoors de España e Europa, coma nos Iberian Festival Awards (2022) ou European Festival Awards (2018)., entre outros recoñecementos que avalan a súa aposta por ofrecer unha alternativa cultural que defende unha visión ampla da cultura alternativa coa música como motor principal e clara vocación multidisciplinar.

Este evento reunirá a artistas de máis de 15 países de todo o mundo (dos cinco continentes, desde Exipto ata India, pasando por Reino Unido, Portugal, Sierra Leona ou Australia, entre outros) proclamándose como un dos festivais de referencia en Europa pola súa programación arriscada e de vangarda.

Ao longo de catro xornadas, WOS Festival x SON Estrella Galicia ofrecerá un completo programa con case unha trintena de espectáculos de arte sonora, entre os que se inclúen tres estreas mundiais, ademais de proxeccións de películas documentais e parladoiros. Dous deles, precisamente, xirarán arredor da efervescente escena electrónica galega.

A Igrexa da Compañía, o Teatro Principal, O Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC), a sede Afundación, a Fundación Eugenio Granell, a sala de cinema NUMAX, o Parque de Bonaval e a Sala Capitol serán sedes desta edición que, como novidade, incorpora dúas naves do complexo arquitectónico da Fundación Laboral de la Construción, exemplo da arquitectura industrial galega que, na noite do sábado 16, se transformará nunha pista de baile.
R.