Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O 33º Festival de Jazz de Lugo incluirá 24 concertos do 3 ao 19 de novembro

Os organizadores do Festival de Jazz de Lugo presentaron hoxe o programa da súa 33ª edición, que se celebrará do 3 ao 19 de novembro con 24 concertos que terán como sedes o Círculo das Artes, o club Clavicémbalo e a Casa do Saber.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, participou na presentación desta cita cultural, que volve contar co apoio do Goberno galego. Un ano máis, a asociación de Amigos do Jazz Escobijazz reunirá en Lugo a grandes figuras do jazz a nivel internacional e estatal e a recoñecidas formacións e músicos galegos do xénero.

Arias felicitou aos organizadores pola traxectoria deste festival, que “segue a cultivar o gusto polo jazz entre o público lucense” e “contribúe a consolidar a imaxe de Lugo como un escenario idóneo para acoller eventos culturais de todos os ámbitos”.

En canto ao programa, no Clavicémbalo actuarán Wealman (Lugo) o venres, 3 de novembro -; Irati Bilbao Quinteto (País Vasco) e Ton e Teira (Galicia) o sábado 4; Rembrandt Trío (Países Baixos) o mércores 8; TT Syndicate (Portugal) o xoves 9; Kike Perdomo Quintet (Canarias) e Amoeba Split (Galicia) o venres 10; Límbico e Demo Rumudo (ambos de Galicia) o sábado 11 -; Proyecto 1800 (Galicia) o martes 14; Jorge Tojeiro 8tet (Lugo e outros lugares de Galicia) o mércores 15; Grant Stewart & Jim Rotondi o xoves 16; Gabriela Suárez (Canarias) o venres 17 e sábado 18; e Juan Saiz Cuarteto (Cantabria e Cataluña) o sábado 18.

Pola súa banda, o Círculo das Artes albergará os concertos de Mike Stern Band (EEUU) o xoves 9 de novembro; Emmet Cohen Trio (EEUU) o venres 10; Shai Maestro Quartet (Israel e EEUU) o sábado 11; Camille Thurman & The Darrell Green Quartet (EEUU) o mércores 15; o sexteto do músico galego Baldo Martínez o xoves 16; Javi Ruibal Cuarteto (España) o venres 17; Gran Canaria Big Band o sábado 18; e a Orquestra Jazz Matosinhos (Portugal) o domingo 19. Así mesmo, o trío encabezado pola barcelonesa Irene Reig estará o martes 14 na Casa do Saber.
R.