Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Xunta defende a Lei do Litoral de Galicia como norma innovadora e referente a seguir para a xestión integrada da costa

De feito, esta nova normativa está adaptada “á nosa realidade xeográfica, ao noso modelo produtivo e á nosa forma de vida”, engadiu. A maiores, a lei galega aposta por un territorio ordenado, compatible co tecido produtivo, fiel ao modo de vida dos galegos e respectuoso co medio ambiente. Esa posta aposta pola integración, contraponse, segundo expuxo Ángeles Vázquez, ao modelo de exclusión polo que avoga o Goberno central ao pretender eliminar da costa calquera vestixio humano.

Nesa liña, a vicepresidenta segunda lamentou, de novo, a presentación dun recurso de inconstitucionalidade por parte do Goberno central sen abrir ningún procedemento de diálogo previo, como, por exemplo, a través dunha comisión bilateral.

A interposición dese recurso e a conseguinte suspensión de parte do seu articulado supón que tanto os concellos como as empresas da cadea mar-industria queden sumidos nunha inseguridade xurídica que imposibilita levar a cabo servizos básicos e esenciais para a cidadanía e provoca a perda de oportunidades de crecemento.

Ademais, a vicepresidenta segunda reiterou a aposta do Goberno galego pola planificación integral de todo o territorio para que a Comunidade sexa cada vez máis un refuxio climático, sostible, máis ordenado e máis verde.

Urbanismo responsable

Por outra banda, reiterou que a Xunta segue a traballar cos concellos para acadar o obxectivo de dotar a todas as entidades locais dun instrumento urbanístico á altura das súas necesidades e acorde co marco normativo vixente. De feito, 115 municipios galegos contan xa cun planeamento adaptado.

Ademais, Ángeles Vázquez puxo en valor que ese compromiso por contar cun territorio ordenado e un urbanismo responsable inclúe aos concellos de menos de 5.000 habitantes que, a través dos plans básicos municipais, poden dispor dunha ordenación urbanística básica. Na actualidade 4 concellos xa teñen aprobados os seus PBM e outros 20 están en diferentes fases de tramitación.

E nesa liña de colaboración e co obxectivo de simplificar a tramitación administrativa, o Goberno galego puxo en marcha a Xunta Consultiva en materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo. Trátase dun instrumento de asesoramento e de colaboración con entidades locais e axentes sociais e económicos, que conta con máis de 30 puntos de vista interdisciplinares que garanten o rigor e obxectividade dos ditames; centraliza e divulga todas as consultas que trasladan á Xunta todas as entidades e organismos, e axiliza os diferentes expedientes administrativos necesarios para obter un permiso, autorización ou licencia

Para concluír, Ángeles Vázquez avanzou que a edición de 2025 deste foro, no que se avalían os avances, as prácticas e as experiencias que xorden no proceso de recuperación, transformación e resiliencia impulsado desde as diferentes administracións, se celebrará en Galicia.
R.