As bibliotecas de Betanzos e Cenlle reciben o Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia 2023

En concreto, no caso de Betanzos, valorouse a capacidade de innovación da biblioteca a través dun proxecto baseado en crear alianzas estratéxicas, empregar mediadores e tecer redes de colaboración con entidades sociais. “A través dunha actividade aparentemente tradicional como é un club de lectura, reoriéntase a novos destinatarios que xeralmente nin participan nin teñen posibilidade de participar en iniciativas culturais”, sinalou o director xeral de Cultura.
En canto a Cenlle, o xurado tivo en conta a capacidade amosada para impulsar e dinamizar a apertura deste centro bibliotecario, deseñando un conxunto de actividades organizado, estruturado e coherente de cara á posta en funcionamento deste servizo, que lle permitiu obter un gran éxito de público nos primeiros meses desde a apertura. A comisión tamén valorou positivamente a dimensión social deste proxecto e a implicación da comunidade educativa.
Xornada para concellos
Coincidindo coa Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia, que se desenvolveu no Edificio Fontán da Cidade da Cultura, a Xunta de Galicia entregou estes premios para poñer en valor o labor destas entidades a prol da cultura. Baixo o título Fondo local. Memoria e identidade,a xornada centrou a ollada na importancia dos fondos locais e na achega deste servizo a todas as localidades galegas. Neste sentido, Anxo M. Lorenzo agradeceu a todas as bibliotecas o “gran traballo que realizan e o seu interese por incrementar a calidade do servizo prestado”, poñendo o foco, ademais, no servizo de biblioteca móbil A Furgoteca polo “seu bo funcionamento, que desde a súa posta en marcha atendeu a preto de 9.000 persoas dunha vintena de concellos do rural de Lugo e Ourense”.
Durante o foro de encontro e debate, A furgoteca tamén foi protagonista como instrumento para levar a cultura e o libro a aqueles lugares nos que non hai bibliotecas. Ademais, os participantes somerxéronse no papel das bibliotecas como espazos de construción da memoria colectiva; estudaron como mellorar e aproveitar estes fondos coa creación de coleccións, difusión e investigación, así como as formas de levar á cidadanía proxectos de recollida de experiencias e participación para recuperar a memoria local.
Obradoiros sobre memoria e identidade
A Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia completa o seu programa pola tarde coa realización de tres obradoiros sobre fondo local, memoria e identidade para valorar e dixitalizar o fondo patrimonial e coñecer estratexias para detectar e incrementar estes arquivos. A organización tamén pon sobre a mesa o funcionamento do proxecto Cóntame Ferrol sobre a creación de mapas virtuais.
R.