Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A oitava edición de Pequefilmes chega ao Gaiás con medio cento de curtas galegas, españolas e internacionais

Nesta oitava edición a programación distribúese en tres seccións por idades: Vagalumes, para cativos de 0 a 3 anos de idade; Miñocas, a partir de 4 anos; e Fanecas, con pezas dirixidas a espectadores a partir dos 7 anos. As proxeccións serán no Edificio CINC da Cidade da Cultura e desde hoxe xa poden adquirirse as entradas a través de Ataquilla a un prezo de 3€. Tamén se poderán mercar de maneira anticipada no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás e no propio CINC os mesmos días das sesións.

Producións galegas e colaboracións internacionais

O festival infantil conta este ano entre as súas producións con 31 estreas en Galicia e nove en España. Ademais, entre a programación destacan dúas curtas galegas e en lingua galega. Trátase de O monstro e a nena de Jorge Juan Costas Mira e Morte e o meu avó de Gon Caride.

A programación conta tamén con filmes que recibiron importantes recoñecementos en prestixiosos festivais. É o caso da produción portuguesa Ice merchants de João Gonzalez, con nominación ao Oscar e premio á Mellor Curta Animada no Festival de Cine Infantil de Chicago, o máis importante do mundo neste xénero. Outras das cintas destacadas son Varken, premio á Mellor Curta Europea en Weird Market ou A white-white day distinguida como Mellor Curtametraxe Infantil en Insomnia.

Co obxectivo de apuntalar a difusión e crecemento internacional de Pequefilmes, fóra de concurso poderá verse, de balde previa retirada de convite, unha escolma de películas proxectadas nas últimas edicións de dous dos festivais de curtametraxes e cinema para a cativada máis relevantes de Europa: o Festival Clermont-Ferrand e o IndieJúnior do Porto.

Obradoiros de cinema de sombras

Pequefilmes volve nesta edición cuns obradoiros complementarios para que a cativada, ademais de ser espectadora, tamén poida converterse en cineasta por un día e crear as súas propias producións.

Nesta ocasión o público infantil poderá experimentar co cinema de sombras chinesas. Así, durante a sesión adaptarán un conto breve, previamente guionizado, unindo as técnicas do cine e do teatro de sombras. Crearán os personaxes e os escenarios con caixas de luz para ensaiar logo a animación, supervisados pola ilustradora Iria Fafián.

Para participar nos obradoiros é necesario mercar unha entrada (3 euros mais gastos de xestión) que inclúe tanto ao participante como a unha persoa adulta que deberá acompañalo durante a actividade. Poden adquirise de maneira anticipada en Ataquilla e no Museo Centro Gaiás, ademais de no Edificio CINC no mesmo día de cada obradoiro.

Na web www.cidadedacultura.gal pode consultarse toda a programación detallada.
R.