Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Xunta intensificará a vixilancia das praias ante a posible chegada de máis pellets nos vindeiros días polo cambio das condicións marítimas



A maiores, como avanzou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a Comunidade elevou ao nivel 2 o Plan territorial de continxencias por contaminación mariña accidental de Galicia (Plan Camgal) tendo en conta, entre outros, as predicións de MeteoGalicia.

Así, segundo incidiu Ángeles Vázquez, “o Goberno central debe actuar dentro das súas competencias e, sobre todo, no mar”. “Xa non hai escusas”, aseverou a vicepresidenta segunda, que engadiu que o Executivo central debe despregar xa os seus medios no ámbito mariño co obxectivo de recoller a maior cantidade posible de sacos evitando así a chegada de pequenas partículas á costa, cuxa retirada resulta moito máis complexa.

A responsable do Executivo autonómico fixo fincapé no respecto institucional e na vontade de colaboración de Galicia en contraposición á falta de comunicación e ás trabas por parte do Goberno central.

Nesa liña, salientou que hoxe mesmo transcendeu publicamente que as autoridades portuguesas comunicaron ao Executivo central o propio día 8 de decembro que o buque Toconao perdera seis contedores, un dos cales contiña material plástico. Sen embargo a vicepresidenta segunda lamentou que esa información non fora trasladada á Xunta, de xeito oficial, ata o día 3 de xaneiro, diminuíndo a capacidade de Galicia de activar unha resposta integral á posible chegada de restos á costa.

De feito, cómpre lembrar que a Goberno autonómico detectou a mediados do mes de decembro a chegada puntual de residuos plásticos a algúns areais, dos que descoñecía a súa orixe, e malia notificar esta incidencia ao Executivo central, este en ningún momento advertiu ás autoridades galegas do acontecido nas costas portuguesas co buque Toconao só uns días antes.
R.