Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

As bibliotecas públicas celebrarán o Día do usuario/a con máis dunha vintena de actividades

Xa en Ourense, a Biblioteca Nós programa unha ampla variedade de actividades, nas que se inclúe o nomeamento dos socios de honra e visitas guiadas ás 11,00 e ás 13,00 horas. Ás 11,30 horas, esta entidade organiza un club de escrita creativa para adultos maiores de 30 anos, mentres que as 17,15 horas será a quenda do club de lectura de novela negra e, ás 18,00 horas, de obras en galego. Tamén ás 18,00 horas, a artista Soledad Felloza levará aos bebés de 1 a 3 anos o Bebecontos con Cabaliño Hop. Para culminar a súa programación, ás 19,00 horas celebrarase o debate Subir a por aire e un faladoiro en inglés.

En Pontevedra, a Biblioteca Antonio Odriozola tamén nomeará aos seus tres socios de honra do 2023, ademais de achegar un obradoiro interactivo con música e contos en inglés da man de Anias.

Pola súa banda, a Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, repartirá agasallos con bolsas sorpresa de libros aos usuarios e visitantes que pasen polas instalacións a partir das 09,00 horas e realizará unha visita guiada ás 12,00 horas. Tamén en Santiago, a Biblioteca Ánxel Casal opta polos préstamos a cegas, na que os visitantes escollerán unha bolsa con libros sorpresa, e o nomeamento dos socios de honra, que será para os tres usuarios con máis préstamos durante o ano 2023.

A Biblioteca Juan Compañel de Vigo celebrará o Día do usuario co sorteo de dous lotes de libros entre os usuarios que asistan á biblioteca mañá e realizará visitas guiadas ás 12,00 e ás 18,00 horas, así como o nomeamento dos socios de honra aos tres usuarios con máis préstamos durante o 2023. Ás 18,00 horas, os bebés terán o seu momento co contacontos Glup. Ramiro Neira.

Citas o 13 de xaneiro

Ademais, as bibliotecas estenden a celebración e o sábado 13 de xaneiro tamén se celebrarán diversas actividades. A Biblioteca Miguel González Garcés ten axendado o contacontos Cabicivai: os contos de Pablísimo ás 12,00 horas e para público infantil. Así mesmo, a Biblioteca Ánxel Casal organiza o contacontos A caixa de Pandora, con maxia da man do Mago Toño, con entrada libre ata completar aforo para cativos de 3 a 8 anos. Finalmente, a Biblioteca Juan Compañel programa outro contacontos ás 12,00 horas: Iván Davila achega a historia Animais artistas e outras cousiñas, para nenos de máis de 4 anos con inscrición previa.
R.