A Cidade da Cultura acolle na fin de semana a proxección do mellor cinema infantil internacional coa oitava edición do festival Pequefilmes

Producións galegas e colaboracións internacionais
O festival infantil conta este ano entre as súas producións con 31 estreas en Galicia e nove en España. Ademais, entre a programación destacan dúas curtas galegas e en lingua galega. Trátase de O monstro e a nena de Jorge Juan Costas Mira e Morte e o meu avó de Gon Caride.
A programación conta tamén con filmes que recibiron importantes recoñecementos en prestixiosos festivais. É o caso da produción portuguesa Ice merchants de João Gonzalez, con nomeamento ao Oscar e premio á Mellor Curta Animada no Festival de Cine Infantil de Chicago, o máis importante do mundo neste xénero. Outras das cintas destacadas son Varken, premio á Mellor Curta Europea en Weird Market ou A white-white day distinguida como Mellor Curtametraxe Infantil en Insomnia.
Co obxectivo de apuntalar a difusión e crecemento internacional de Pequefilmes, fóra de concurso poderá verse, de balde previa retirada de convite, unha escolma de películas proxectadas nas últimas edicións de dous dos festivais de curtametraxes e cinema para a cativada máis relevantes de Europa: o Festival Clermont-Ferrand e o IndieJúnior do Porto.
Pequefilmes volve nesta edición cuns obradoiros complementarios para que a cativada, ademais de ser espectadora, tamén poida experimentar co cinema e crear as súas propias producións, actividade para a que xa se esgotaron as entradas.
R.