Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Filmoteca de Galicia recibe o cineasta Aki Kaurismäki para presentar a súa última película dentro da retrospectiva que se lle dedica ata abril

Coa excepción de Fallen Leaves, que volverá proxectarse o día 9 ás 18,00 horas, os filmes de Kaurismäki seleccionados para febreiro ofrecen un percorrido cronolóxico desde os inicios da súa carreira, comezando os días 6 e 8 con Sombras en el paraíso, xustamente anterior a Hamlet va de negocios, na que desenvolve a súa versión anticapitalista do clásico de Shakespeare e que poderá verse os días 14 e 15. Ariel proxectarase o 17 e o 20 de febreiro, mentres que o día 22 será a quenda de Leningrad Cowboys Go America, unha das longas da serie de traballos que lle dedicou a este singular grupo de rock. Completa a escolma do mes La chica de la fábrica de cerillas, programada os días 23 e 27 e que, xunto a Sombras en el paraíso e Ariel, conforma a súa triloxía do proletariado.

Estes títulos marcan o inicio da que está considerada como unha das máis singulares traxectorias do cinema contemporáneo. As películas de Kaurismäki amosan unhas raíces fondamente ancoradas na súa Finlandia natal, con imaxes secas e enchidas de soidade e de melancolía, das que emerxe un discurso que fala do desamparo social, da derrota individual ou da desolación existencial, entre outros temas, e no que destaca tamén a súa particular ollada traxicómica.

Esta é a segunda vez que a Filmoteca de Galicia lle dedica un ciclo ao director finés, do que xa ofrecera unha retrospectiva entre finais de 1999 e primeiros de 2000. Naquel momento, Kaurismäki tiña estreadas 15 das 20 longas coas que conta ata a data, ademais de numerosas curtametraxes. Desde entón, a súa produción ten sido máis espazada, pero sempre con gran impacto entre o público e alcanzando, ademais, os seus maiores éxitos.

Catro filmes de Lois Patiño

A outra visita do mes será a do director vigués Lois Patiño, quen o mércores 28 presentará Samsara, a súa última longametraxe. Rodada entre Laos e Tanzania, esta reflexión sobre o ciclo da morte e a reencarnación budista está a ser un inesperado éxito nos cinemas españois para unha película das súas características, unha sorte de documental sensorial cunha parte central na que se convida aos espectadores a pechar os ollos.

Samsara foi estreada na pasada Berlinale, onde o realizador xa estivera en 2022 coa curta El sembrador de estrellas e en 2020 con Lúa vermella, a súa primeira e aclamada longametraxe de ficción, filmada co apoio da Xunta. Estes tres títulos, xunto á curtametraxe Sycorax, conforman o ciclo Marea que se poderá ver na sala José Sellier na última semana de febreiro, coincidindo coa exposición arredor da obra de Patiño que se exhibe na Fundación Luís Seoane.

Os esenciais de Wim Wenders

Mentres as salas comerciais continúan a programar Perfect Days, o último de Wim Wenders, a cinemateca galega pecha o mes que vén o seu repaso por algúns dos títulos máis coñecidos do director alemán dentro da sección Esenciais. Para estas semanas están programadas sete películas realizadas durante os anos 70 e 80, entre as que se atopa algunha das súas fitas máis icónicas: El amigo americano, que poderá verse mañá mesmo ás 20,30 horas, Alicia en las ciudades, Cielo sobre Berlín, ¡Tan lejos, tan cerca!, El estado de las cosas, Lisboa Story e Boa Vista Social Club, estes dous últimos filmes documentais, unha das liñas máis fecundas na carreira de Wenders nos últimos tempos.

Pola súa banda, a sección Desencadres deste mes dedícaselle aos cineastas experimentais norteamericanos Sharon Lockhart e James Benning con cinco dos seus títulos. Destacan entre eles os da sesión do sábado 3, organizada en colaboración coa Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, e nos que se aborda como mirar o ceo durante un eclipse (L. Cohen, de Benning) e nun anoitecer (Eventide, de Lockhart).
R.