Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Aprobado o Plan galego de atención domiciliaria en atención primaria 2024-2025

A posta en marcha deste plan enmárcase na reforma e mellora do actual modelo de atención primaria, iniciada pola Xunta no 2019, para dar resposta ás actuais demandas da poboación galega e dos profesionais sanitarios.

Con este plan, o Executivo galego reforzará a atención á poboación que non pode desprazarse ao centro de saúde e proporcionará información, educación e apoio ao paciente e á súa familia no seu propio domicilio, fixando uns protocolos comúns para todas as áreas sanitarias.

A aprobación deste plan responde a un mandato do Parlamento galego, aprobado por todos os grupos da Cámara, co obxectivo de elaborar unha estratexia de atención domiciliaria que reforce o modelo de atención no domicilio no primeiro nivel asistencial.

Accións que se levarán a cabo

Para garantir a consecución do plan, a Consellería de Sanidade establece cinco liñas estratéxicas principais, ademais de 13 obxectivos e 23 accións. Tal e como explicou o presidente, entre as principais medidas está o deseño “dun protocolo común de actuación en todas as áreas sanitarias”; a creación “de equipos de soporte de atención domiciliar”, formados por diferentes profesionais que se desprazarán ata a vivenda dos pacientes así como fomentar a docencia e investigación neste eido e “dotar aos profesionais dos recursos necesarios” para desenvolver o seu traballo nos domicilios con total seguridade.

Para acadar unha implantación satisfactoria do plan, as accións formúlanse en dous intervalos temporais, a curto prazo (2024) e a medio prazo (2025).

En consecuencia, o Plan permitirá avanzar cara a un modelo organizativo óptimo para levar a cabo unha atención de calidade no domicilio do doente, e dirixido a todos os profesionais de atención primaria que teñen recollida a atención domiciliaria na súa carteira de servizos, sempre que esta modalidade de atención se considere a más axeitada polas circunstancias da persoa.

Grazas a esta medida, desenvolverase un modelo específico de valoración integral que facilite a identificación de necesidades da persoa e a posterior elaboración dun plan individualizado de intervención. Para levalo a cabo, dotaranse os profesionais dos recursos que sexan necesarios co fin de mellorar e axilizar a atención domiciliaria.

Cómpre remarcar, así mesmo, que a actividade asistencial domiciliaria do Sergas se estrutura en dous bloques, a prestación de servizos en primaria e a hospitalización a domicilio. Así, este plan de atención domiciliaria completa o Plan de hospitalización a domicilio-Estratexia HADO 2019-2023 de xeito que queda definida unha actividade asistencial domiciliaria de calidade, sexa cal sexa o nivel asistencial desde o que se leve a cabo.

Tecnoloxía para a atención domiciliaria

O Sergas conta con diversos recursos, programas e ferramentas tecnolóxicas que facilitan a atención domiciliaria, entre as que compre destacar a plataforma TELEA de seguimento de pacientes crónicos, a historia clínica en mobilidade, Programa Conecta 72, Sergas Móbil ou Esaúde.
R.