Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Festival Internacional de Animación Imaxinaria celébrase en Coruña do 6 ao 10 de marzo

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou esta mañá na presentación do programa da segunda edición do Festival Internacional de Animación Imaxinaria, impulsado por Afundación co obxectivo de dar a coñecer a animación audiovisual menos comercial, e funcionar tamén como punto de encontro de profesionais do sector.

Baixo a dirección de Matilde Rodríguez, comisaria da Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea (MiiC), e do ilustrador e realizador coruñés Alberto Vázquez, referente na animación actual, gañador de numerosos premios nacionais e internacionais, as proxeccións e actividades principais de Imaxinaria terán lugar desde mañá ata o domingo na Sede Afundación da Coruña e con entradas á venda a beneficio do Banco de Alimentos.

A Xunta colabora na celebración deste festival que, segundo Jacobo Sutil, “contribúe a xerar un espazo de encontro, divulgación, e proxección para o sector da animación, que en Galicia conta con propostas moi innovadoras e un talento recoñecido nos festivais” como vén de suceder nesta última edición dos Goya, onde a curtametraxe do animador galego Martín Romero, To bird or not to bird, apoiada pola Xunta de Galicia e programada dentro desta edición do Imaxinaria, conseguiu unha estatuíña.

Liderado galego en animación

O director de Industrias Culturais incidiu tamén na posición de liderado de Galicia dentro deste eido e referiuse a Imaxinaria como unha consecuencia lóxica do excelente momento que estamos a vivir no ámbito da animación, situándonos como potencia para todo o territorio nacional e mesmo como referencia para moitos profesionais do xénero no contexto internacional. “Gozamos agora con este festival dun complemento natural a toda esta creatividade e a esta posición destacada da nosa Comunidade no que respecta á ilustración levada ao audiovisual, reforzada co apoio continuado por parte da Xunta de Galicia e co compromiso das empresas do sector que apostaron tamén por esta especialización”, engadiu.

Creación propia en Radar Galicia

O programa de Imaxinaria contará cunha sección oficial onde compiten 44 curtametraxes (nove estreas en España e 27 estreas en Galicia), e un programa paralelo composto por diferentes seccións temáticas, charlas, longametraxes e retrospectivas. A sección Na Retina rende homenaxe a Disney, mentres Radar Galicia recolle unha escolma de novos creadores galegos entre os que se atopan, ademais da curta de Martín Romero premiada na última edición dos Goya, Illa Cordura, de Mario Fernández Filloy; Avetimología, de Xosé Zapata; In half, de Jorge Moiras; Alguén me chamou serpe negra, de Borja Santomé; Marcapáxinas, de Miguel Flores da Costa; e Cats, de José Garnelo. Ademais, haberá dúas sesións dedicadas a analizar o proceso dunha obra desde o cómic á animación, e a sección Foco que este ano estará dedicada ao 8M coa proxección da longametraxe de animación, My Sunny Maad, da directora, animadora, ilustradora e actriz checa Michaela Pavlátová, premiada en Annecy e Guadalaxara. Premio César á mellor película de animación e candidata aos Globos de Ouro de 2022.

Pavlátová, todo un referente da animación internacional, exercerá como madriña desta edición en homenaxe á súa traxectoria. Como animadora experimental feminista, a súa obra explora temas relacionados co sexo, o xénero, a filosofía e as relacións humanas, utilizando sempre o seu inconfundible grafismo e sentido do humor. A directora participará no programa de actividades de Imaxinaria impartindo unha clase maxistral.

Público Infantil e compoñente solidaria

O festival tamén ten a vocación de axudar a consolidar novos públicos para o cinema de animación en Galicia. Con este obxectivo inclúese na sección oficial un bloque de nove proxeccións infantís o sábado pola tarde e espazos propios para a infancia, ademais dun premio outorgado polo público infantil.

O evento enmárcase na iniciativa solidaria Cultura por alimentos que Afundación leva a cabo en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos e que pretende fornecer os bancos de alimentos locais. Así, o acceso ás actividades será a cambio da entrega de produtos de consumo non perecedoiros.
R.