Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Xunta estima que o 18 % dos concellos galegos poderían pedir a declaración de zona tensionada segundo a lei estatal de vivenda e os índices de referencia do Goberno central

Nesta liña, Ángeles Vázquez advertiu de que esas declaracións de zonas tensionadas, lonxe de mellorar a situación do mercado da vivenda, poden complicala xa que moitos propietarios preferirán vender as súas vivendas, destinalas ao alugueiro turístico, arrendalas por cuartos ou mesmo mantelas baleiras.

A maiores, logo de subliñar que a declaración de zona tensionada non afecta aos contratos de alugueiro en vigor, Ángeles Vázquez lembrou que a posibilidade de declarar zonas de mercado tensionado implica distintas obrigas para os concellos derivadas desa declaración. Nesa liña, insistiu na necesidade de que os Gobernos locais teñan en conta e avalíen en profundidade esas cuestións antes de presentar as súas solicitudes e elaborar un plan específico que propoña as medidas a adoptar e o seu calendario de desenvolvemento.

Polo tanto, trala declaración desas zonas tensionadas, as administracións competentes en materia de vivenda deben planificar posibles solucións a esas cuestións. Ademais, teñen que destinar o solo da súa titularidade para a construción de vivendas sociais ou dotacionais e acadar no prazo de 20 anos un parque mínimo de vivendas para políticas sociais equivalente ao 20 % dos fogares do concello.

Índice de referencia

En canto ao novo índice estatal de referencia do prezo do alugueiro, publicado polo Goberno central en febreiro, Ángeles Vázquez lembrou que este indicador se terá en conta para fixar o prezo da renda en vivendas pertencentes a grandes propietarios, con cinco ou mais vivendas, ou aquelas que non estivesen arrendadas nos últimos cinco anos.

Por iso, incidiu, este índice terá efectos mínimos en Galicia posto que non se aplicará a todos os alugueiros. Neste sentido, na Comunidade o 95 % dos donos de vivendas son persoas físicas, non bancos, entidades financeiras ou outras organizacións como os fondos voitre.

De feito, a vicepresidenta segunda en funcións destacou que en Galicia menos do 4 % son grandes propietarios de vivendas e máis do 35 % son pensionistas -a idade media dos titulares de vivendas é de 62 anos-, que, en moitos casos, boa parte dos seus ingresos dependen do alugueiro dos seus inmobles.

Por tanto, Ángeles Vázquez denunciou que as medidas aprobadas polo Goberno central demostran que descoñece a realidade do mercado da vivenda pois “dificulta a saída ao mercado de vivendas baleiras, obriga aos concellos a planificar a construción de vivendas e a destinar solo a elas -cousa que agora non fan- e obvia que moitos propietarios que poñen as vivendas en alugueiro son pequenos propietarios que complementan os seus ingresos ou pensións con esas rendas”.

Eses son algúns dos motivos polos que a Xunta decidiu recorrer ante o Tribunal Constitucional a lei estatal de dereito á vivenda pois trae incertezas e xera inseguridade xurídica no mercado residencial. De feito, os propios axentes inmobiliarios estiman que a oferta de vivendas en alugueiro caeu un 45 % nos últimos catro anos e vai seguir reducíndose como consecuencia da aplicación da normativa do Goberno central.

O Executivo galego defende a necesidade de, fronte a medidas impostas, apostar por establecer estímulos e incentivos para que os propietarios poñan as súas vivendas en alugueiro con total seguridade. Nesta liña, incide na importancia de destinar solo a fins residenciais, aprobar políticas activas de vivenda, axilizar as licenzas e trámites e achegar solucións duradeiras e que teñan un impacto positivo no mercado.

O encontro informativo

O evento celebrado na sede do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) tivo como obxectivo explicar en detalle aos concellos, colexios oficiais de axentes da propiedade e administradores de fincas así como a empresas e distintas organizacións do sector inmobiliario as implicacións que teñen para a comunidade cuestións como a declaración de zonas de mercado residencial tensionadas ou o índice estatal de referencia do prezo do alugueiro recollidas na lei estatal de dereito á vivenda.

O director xeral do IGVS, Heriberto García, expuxo aos máis dun cento de asistentes a normativa actual, as obrigas que comportan as distintas figuras que introduce como novidades a lei estatal e distintos aspectos sobre o estado actual do mercado residencial galego para coñecer o impacto que pode ter a súa aplicación na comunidade. Ao mesmo tempo, resolveron dúbidas e responderon ás inquedanzas expostas polos asistentes ao encontro informativo.

No encontro informativo tamén interviñeron a presidenta do Colexio Oficial de Administradores de Fincas, Teresa Suárez, e a presidenta do Colexio Oficial de Axentes da Propiedade Inmobiliaria, Patricia Vérez, que mostraron a desconformidade destes colectivos coa lei de vivenda estatal e a declaración de zonas tensionadas.
R.