Galicia exixe ao Goberno central que tramite con axilidade o reparto entre as comunidades dos fondos de 2024 para compensar e previr os danos do lobo

Ante esta situación, Belén do Campo pediu ao Goberno central que axilice as xestións ao máximo para que o reparto poida aprobarse na vindeira conferencia sectorial. Non facelo, incidiu, suporía chegar a mediados de ano sen esa distribución executada, o que complicaría a xestión dos fondos por parte das autonomías, que son as que están soportando agora mesmo os custos derivados das medidas de compensación e prevención dos danos do lobo.
A directora xeral de Patrimonio Natural denunciou que este retraso supón un novo prexuízo para as comunidades autónomas e para os gandeiros, que xa viron como os fondos de 2023 quedaban sen repartir -o Goberno central recoñeceu que non prevé que se vaia facer xa-, ao tempo que lembrou que Galicia tampouco recibiu fondos en 2022.
Deste xeito, a comunidade galega acumula dous anos de retraso na transferencia de fondos por parte do Estado para facer fronte aos danos do lobo. Ademais dos recursos de 2023 que xa non se van repartir, a Xunta está á espera de que se resolva o recurso contencioso-administrativo contra a decisión do Goberno central de bloquear os fondos que lle correspondían en 2022, unha decisión unilateral e totalmente arbitraria.
Estratexia do corvo mariño acristado
Belén do Campo aproveitou o encontro para agradecer ao Goberno central que atendese a petición de Galicia e paralizase temporalmente a tramitación da futura Estratexia de conservación do corvo mariño acristado co fin de enriquecela e adaptala ás principais conclusións dos traballos que se están a desenvolver na actualidade para a conservación da especie en Galicia, Asturias e Cantabria no marco do proxecto europeo Life Intemares.
A directora xeral de Patrimonio Natural explicou que esa investigación que está en marcha sobre o corvo mariño permitirá coñecer as principais ameazas (como as interaccións coas artes de pesca) e retos de futuro que afronta a especie, así como propoñer posibles solucións e medidas que favorezan a súa conservación.
Galicia alberga o 86% de todas as parellas de corvo mariño identificadas no Cantábrico —1.412 dun total de 1.637— e, de feito, é tamén a comunidade española que conta co censo máis actualizado da especie.
R.