Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

As máis de 103.000 Doazóns de Sangue do ano 2023 sitúan Galicia entre as comunidades autónomas máis solidarias

A directora de ADOS remarcou que en Galicia o 25% da poboación ten máis de 65 anos, polo que é necesario poñer especial énfase en fidelizar aos doantes cos que se conta e, así mesmo, achegarse á xente máis nova para que coñezan a importancia da doazón. Neste sentido, ADOS xa vén traballando no ámbito de educación primaria e secundaria a través de programas de aprendizaxe e sensibilización, en colaboración coa Consellería de Educación.

Marisa López tamén se referiu aos convenios de colaboración subscritos coas tres universidades galegas para a desenvolvemento das campañas universitarias de doazón nos sete campus galegos como outro piar fundamental para o desenvolvemento da actividade da Axencia e a constante interacción co tecido empresarial galego que, de xeito altruísta, facilita e participa no desenvolvemento de campañas de doazón.

Xunto ao anterior, puxo en valor a implicación dos equipos deportivos galegos, referencia en valores solidarios para a mocidade.

Todo este esforzo colaborativo, levado a cabo mediante a planificación o pasado ano de preto de 3.300 colectas nas unidades móbiles, posibilitou que toda a cidadanía puidera, coa súa solidariedade, mellorar a vida dos pacientes e mesmo salvar vidas.

Mellora integral

Para consolidar os bos resultados acadados nestes anos, que sitúan Galicia nos primeiros postos na doazón altruísta a nivel nacional, ADOS ten previsto continuar coa estratexia de mellora integral iniciada no 2016, que engloba aos laboratorios centrais, así como aos locais e unidades móbiles de doazón.

Deste xeito, tras a renovación dos locais da Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra e Ourense, tal e como sinalou a directora, está previsto acometer melloras no acondicionamento do local de doazón do Hospital Nicolás Peña de Vigo. Ademais os orzamentos da Xunta deste ano recollen unha partida de 500.000 euros da Axencia para unha nova unidade móbil, a sexta, destinada á provincia de Lugo.

Nesta liña, a directora de ADOS remarcou o importante esforzo financeiro do Goberno galego para a renovación da flota de unidades móbiles co obxecto de ofrecerlle aos doadores a mellor accesibilidade. A dita renovación iniciouse no ano 2018 nas áreas de Pontevedra e Santiago, para posteriormente estenderse ás unidades móbiles de Vigo, A Coruña e Ourense, cun investimento de máis de 1,5 millóns de euros.

Marisa López, engadiu que, nos próximos meses, o Goberno galego renovará tamén integramente a flota de vehículos destinados á promoción da saúde, un total de sete, un por área sanitaria, que ascenden a preto de 200.000 euros.

Xunto ao anterior, ADOS conta cos máis altos estándares de calidade que se poden obter no ámbito sanitario pois, na actualidade, dispón da máxima certificación de calidade ISO 9001:2015, así como as acreditacións de calidade outorgadas polo Comité de Acreditacións da Transfusión (CAT) e a European Federation for Immunogenetics (EFI).

Na súa intervención, a directora de ADOS lembrou que Galicia precisa diariamente entre 400 e 500 doazóns para facer fronte ás necesidades dos centros hospitalarios da comunidade e agradeceu a todas as persoas que doan a súa solidariedade e compromiso.
R.